O número de empresas patrocinadoras do Arde Lvcvs aumenta lixeiramente o da anterior edición, chegando á trintena de firmas
O apoio económico dos negocios lucenses permitiu acadar un orzamento de 103.200 euros, ao que se sumou a colaboración das administración públicas.
O alcalde agradeceu o compromiso do tecido produtivo lucense e destacou que “a implicación das nosas empresas está á altura da complicidade da cidadanía coa festa”.
O edil de Xuventude sinala que “notouse a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional porque incrementouse máis se cabe a repercusión que ten este evento”.
- Tema
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural,
- Xestión cultural,
- Desenvolvemento local,
- Desenvolvemento económico,
- Economía

A preparación do programa da actual edición do Arde Lvcvs, a vixésimo cuarta, que arrancará o vindeiro xoves, fíxose posible grazas ao traballo da área de Xuventude do Concello de Lugo, que, un ano máis, contou coa colaboración público privada. De feito, na festa deste 2025, o número de empresas privadas patrocinadoras do Arde Lvcvs aumentou lixeiramente pasando de 26 a 30. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo esta mañá unha xuntanza con algúns dos representantes das firmas que colaboran, aos que agradeceu “a súa implicación e apoio á festa e tamén á cidade, porque esta é unha festa que facemos entre todos e todas; de feito, creo o compromiso do tecido produtivo lucense está á altura da implicación que mostra toda a cidadanía co noso Arde Lvcvs”, destacou o rexedor municipal.
O apoio económico dos negocios lucenses permitiu acadar un orzamento de 103.200 euros, aos que se sumou a colaboración das administracións públicas. É unha contía similar ao do pasado ano, aínda que un pouco inferior, pero “valoramos moi positivamente que as empresas e negocios que colaboran coa nosa festa medre edición tras edición, demostrando que o Arde Lvcvs non só destaca pola implicación da cidadanía senón polo grao de compromiso dos negocios e do tecido produtivo de Lugo na nosa festa de recreación histórica”.
Para o edil de Xuventude, Jorge Bustos, quen tamén estivo no encontro con algúns dos representantes das empresas patrocinadoras, “cremos que o crecemento do propio Arde Lvcvs e o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional supuxo unha maior repercusión para o Arde Lvcvs. Desde o Concello de Lugo traballamos por deseñar un programa á altura desta festa, tamén como un xesto de agradecemento pola confianza que empresas e negocios lucenses demostran mediante a súa implicación con este evento”.
Neste sentido, tanto o alcalde como o responsable de Xuventude, fixeron fincapé no incremento de empresas patrocinadoras que este ano alcanzou a trintena. Trátase de Gestagua, Hijos de Rivera, Naturgy, Caixa Rural, Abanca, Transportes Valín, Cafés Candelas, Alsa, Torre de Núñez, Maderas Besteiro, Hallmann, Frisaqués, Ecolugo, BeOne, Arenal, Gadisa, Monbús, Dmanan, Construcciones Vilamide, Leche Río, As Termas, Grupo Bascuas, Calfensa, Forum Ceao, Torneiro, Tableros Hispanos, Medioambiental Lucense, Forestal Peninsular e Acasti Reformas.
