O MIHL acolle unha nova exposición dedicada aos 40 anos de Tanxarina Títeres
A mostra ofrece ao público un percorrido polas diferentes formas estéticas do teatro de figuras e obxectos, así como polas diversas técnicas de manipulación de bonecos.
Ferreiro: “É unha oportunidade única para coñecer de preto o proceso creativo destes espectáculos e apreciar o detalle co que están feitos os bonecos, aspectos que moitas veces pasan desapercibidos".
- Tema
- Animación sociocultural,
- Centros sociais,
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural,
- Museos e exposicións,
- Xestión cultural

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto coa concelleira de Educación e Difusióon do Coñecemento, Iria Buide, visitou no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) a nova exposición “Tanxarina, 40 anos de monicreques”, unha proposta que recolle a traxectoria dunha das compañías máis recoñecidas e prestixiosas do teatro de títeres galego.
A mostra ofrece ao público un percorrido polas diferentes formas estéticas do teatro de figuras e obxectos, así como polas diversas técnicas de manipulación de bonecos, a través dunha coidada selección de monicreques, escenografías e elementos de atrezo que forman parte da historia da compañía.
Durante a visita, Maite Ferreiro puxo en valor a importancia desta exposición dentro da programación cultural da cidade, destacando que “permite recoñecer o labor dunha compañía fundamental da cultura galega, que leva décadas achegando o teatro de monicreques a públicos de todas as idades cunha proposta chea de creatividade, compromiso e identidade propia”. A concelleira incidiu tamén no carácter divulgativo da mostra, sinalando que “é unha oportunidade única para coñecer de preto o proceso creativo destes espectáculos e apreciar o detalle e o agarimo cos que están feitos os bonecos, aspectos que moitas veces pasan desapercibidos durante a representación escénica”.
A exposición reúne máis de vinte producións e arredor de oitenta bonecos en exhibición, ofrecendo unha visión ampla do universo artístico de Tanxarina e do seu papel na evolución do teatro de monicreques en Galiza. Neste sentido, Ferreiro animou á cidadanía a achegarse ao MIHL e gozar desta proposta, subliñando que “desde a Tenencia de Alcaldía seguimos apostando por unha programación cultural diversa e de calidade, que achegue á veciñanza experiencias enriquecedoras e que poñan en valor o noso patrimonio cultural contemporáneo”.
A mostra poderá visitarse nas instalacións do MIHL durante as próximas semanas, consolidando este espazo como un referente na difusión cultural e na dinamización artística da cidade.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a expo no MIHL | Descargar mp3 [1]
