Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O MIHL acolle o sábado a asemblea da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas, que se celebra por primeira vez en España

O MIHL acolle o sábado a asemblea da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas, que se celebra por primeira vez en España

Medio cento de representantes de varias asociacións de festas e recreacións históricas de dez países participarán nesta asemblea

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Xuventude
Xoves, 13 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou que este sábado, 15 de outubro, celebrarase a asemblea da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Deste xeito, Lugo será a primeira cidade española que acolla esta asemblea, na que está presente o Arde Lvcvs, que está asociado a esta confederación.

Carmen Basadre destacou que “se trata dunha oportunidade moi importante para a nosa cidade, posto que estamos falando dun evento de nivel europeo, no que están presentes diferentes países, que xunto con Lugo, fomentan o coñecemento da historia das súas cidades”. Neste senso, a edil lembrou que “estas festas de recreación histórica poñen en valor o rico patrimonio histórico que temos e tamén supoñen un importante pulo turístico e económico”. Ademais, esta asemblea serve para intensificar relacións e compartir ideas entre os membros da confederación.

Neste encontro daranse cita medio cento de representantes das diversas asociacións de festas e recreacións históricas de España, Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Bélxica, Holanda, Hungría, Polonia e Romanía, os dez países que conforman esta confederación e que responden á necesidade de máis dun milleiro de festas históricas de Europa.

A Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas reúne ás máis importantes festas e manifestacións históricas de Europa. A súa actividade principal é a divulgación das festas para facilitar un maior e mellor coñecemento. Nestas asembleas compártense experiencias e deséñanse estratexias e proxectos comúns. Ademais esta confederación representa os intereses e facilita a información entre as asociacións nacionais e as cidades asociadas.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a asemblea da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-mihl-acolle-o-sabado-asemblea-da-confederacion-europea-de-festas-e-manifestacions-historicas

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/131016_carmen_basadre_-_asemblea_festas_historicas.mp3