Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Inicia Coworking do Concello e a EOI busca persoas emprendedoras para a súa terceira edición

O Inicia Coworking do Concello e a EOI busca persoas emprendedoras para a súa terceira edición

As persoas interesas xa se poden inscribir ata o 23 de febreiro a través de www.lugo.gal [1] ou en https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/lugo-3a-edicion [2]

  • Tema
    • Emprendemento
Venres, 09 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Inicia Coworking de Lugo, impulsado polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI) no CEI-NODUS e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, comezou a busca de persoas emprendedoras para a terceira edición desta iniciativa, na que se ofrece, de xeito indinvidual e gratuíto, formación e acompañamento para a posta en marcha ou consolidación de novos proxectos de caracter emprendedor e inovador.

Unha vintena de persoas poderán incorporarse a esta nova edición do programa, do que xa se beneficiaron 40 emprendedores nas dúas convocatorias celebradas ata o de agora. As persoas interesadas en sumarse a esta terceira edición poden facelo, ata o 23 de febreiro, a través da páxina web municipal, www.lugo.gal [1] ou no enlace https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/lugo-3a-edicion [2], onde hai dispoñible máis información sobre este proxecto.

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, destacou os bos resultados conseguidos nas dúas primeiras edicións deste programa, que supón unha oportunidade para aqueles veciños e veciñas que queiran lanzar un proxecto empresarial e poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira. Concretamente na última fase, das 20 empresas metade xa facturan a día de hoxe.

Prieto animou a todas aquelas persoas con iniciativa e con ideas para novos proxectos a presentar as súas ideas a esta convocatoria. Entre todas as inscricións realizarase unha selección de participantes nesta terceira edición do Inicia Coworking, que se prevé iniciar en marzo e que terá lugar ata xullo nas instalacións municipais do CEI-NODUS.

Audio

  • Ana Prieto, sobre o Inicia Coworking | Descargar mp3 [3]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-inicia-coworking-do-concello-e-eoi-busca-persoas-emprendedoras-para-sua-terceira-edicion

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.gal
[2] https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/lugo-3a-edicion
[3] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/090218_prieto-iniciacoworking.mp4