Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O impulso do servizo Luce Lugo logra incrementar nun 54% a reciclaxe de cartón e papel no primeiro trimestre de ano

O impulso do servizo Luce Lugo logra incrementar nun 54% a reciclaxe de cartón e papel no primeiro trimestre de ano

A porcentaxe de residuos plásticos e latas ascendeu tamén preto dun 20% respecto ao mesmo período de 2022.

O aumento obedece ao dimensionamento do novo servizo municipal de limpeza con máis illas de reciclaxe e fraccións así como ao desenvolvemento de políticas de concienciación.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Medio ambiente,
    • Residuos,
    • Urbanismo
Luns, 07 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O impulso do servizo Luce Lugo logra incrementar nun 54% a reciclaxe de cartón e papel no primeiro trimestre de ano

A veciñanza lucense reciclou no primeiro trimestre deste ano un 54% máis de catón e papel e un 17,5% de residuos de orixe plástica que no ano 2022.Un considerable aumento que obedece ao dimensionamento do novo servizo municipal de limpeza Luce Lugo con máis illas de reciclaxe e fraccións así como ao desenvolvemento de políticas de concienciación. O responsable do área Transición ecolóxica e Impulso Rural, Miguel Fernández, destacou a implicación cidadá ao respecto. “Existe un aumento do compromiso medioambiental entre a poboación que responde non só a modernización dos equipamentos senón tamén a un traballo de concienciación efectivo, o que contribúe substancialmente a ter unha cidade máis limpa, mellor coidada, e que ofrece unha maior calidade de vida”, sinalou o edil.

O volume de papel e cartón recollido no primeiro trimestre do ano ascende a 223 toneladas (223.192 quilos) máis que no mesmo período do ano anterior. Pola súa parte, en relación a os residuos de orixe plástica, latas e bricks, as e os lucenses depositaron na rede de colectores amarelos 99 toneladas (99.300 quilos) máis. “Estas cifras teñen unha repercusión destacable e están directamente relacionadas co desenvolvemento das iniciativas enmarcadas na actividade do servicio municipal de limpeza Luce Lugo. Estamos a falar de que cada veciño e veciña incrementou a súa achega ao proceso de reciclaxe en 2,31 quilos ao día de papel e cartón e en 1,05 quilos de plástico por xornada. Algo que nos está a permitir que unha alta porcentaxe de material entre no ciclo de reciclaxe e se reutilice avanzando así no modelo de municipio sostible que somos” explicou Fernández.

Outros residuos

A este incremento na reciclaxe de papel e plástico súmase un notable aumento en outro tipo de residuos, como téxtiles ou aceite doméstico, froito das medidas implementadas nos últimos meses polo Goberno de Lara Méndez. A instalación de 75 colectores de roupa  traduciuse na recollida de 16 toneladas de téxtiles no primeiro trimestre do ano. Mentres que a extensión da rede de colectores de aceite permitiu reciclar 6 toneladas desta sustancia ata o mes de abril, 790 kg en xaneiro, 1.130 kg en febreiro, 2.040 kg en marzo e outros 2038 kg en abril. Un crecemento exponencial que o tenente de alcaldesa valorou con moita satisfacción ao tempo que convidou á veciñanza a manter e consolidar estes hábitos para avanzar na conservación da contorna e na protección do planeta.

Audio

  • O edil de Transición Ecolóxica e Impulso Rural, Miguel Fernández, sobre a reciclaxe | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-impulso-do-servizo-luce-lugo-logra-incrementar-nun-54-reciclaxe-de-carton-e-papel-no

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/07082023_miguelfernandez_reciclaxe_mp3cut.net.mp3