Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Goberno ve “grave e irresponsable” que a CHMS careza de horizonte temporal algún para decidir sobre o dique do Miño

O Goberno ve “grave e irresponsable” que a CHMS careza de horizonte temporal algún para decidir sobre o dique do Miño

Na reunión a tres bandas –Confederación, empresa e Concello- que tivo lugar en Ourense, Daniel Piñeiro comprobou “o deixamento” do organismo de conca, ante o que esixiu “máxima axilidade para resolver a situación”

  • Tema
    • Medio ambiente,
    • Urbanismo
Luns, 25 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, considera “dunha gravidade e irresponsabilidade desconcertantes” que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non teña, “nin sequera de maneira aproximada, un horizonte temporal para tomar unha decisión” sobre o dique levantado no Miño pola empresa que se ocupa das obras de rehabilitación da fábrica da luz “cando xa pasaron dous meses desde que ordenou paralizar estes traballos”.

O edil fixo estas declaracións despois da reunión a tres bandas –Confederación, empresa e Concello- que tivo lugar esta mañá na sé da CHMS, en Ourense, “da que saímos como entramos, ou mesmo peor, pois comprobamos que o deixamento” do organismo de conca “levounos a esta situación, ao non ter a dilixencia de avaliar antes de que comezaran as obras se estas se axustaban aos permisos que eles mesmos lles concederon, e mesmo se ían a acometer na debida época de estiaxe”.

Por todo isto, o Concelleiro esixiu ao organismo de cunca “máis seriedade e a máxima axilidade posible para acabar cunha situación que está a provocar un dano de consecuencias incalculables sobre o río e o seu entorno”. Neste senso, a Confederación respondeu que mediará ante o Ministerio de Medio Ambiente para que conteste o antes posible á documentación que lle remitiu, mentres dende Concello, asegurou Piñeiro, “faremos tamén todo o que estea na nosa man para instar ao Ministerio a acelerar os procedementos”.

A empresa adxudicataria da concesión da fábrica da luz é a que se ocupa da execución das obras de rehabilitación do edificio e do aumento do caudal, e ten que axustarse ao proxecto e permisos concedidos polo Ministerio de Medio Ambiente, Confederación, a Consellería de Industria e Patrimonio. O Concello é o concesionario do caudal.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre a situación do dique do Miño |Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-goberno-ve-grave-e-irresponsable-que-chms-careza-de-horizonte-temporal-algun-para-decidir

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/250116_reunion_confederacion_mino_daniel_pineiro_0.mp3