O Goberno local renova a súa colaboración coas ITV móbiles no rural para facilitar o acceso ao servizo á veciñanza
A colaboración municipal garante as condicións necesarias para a prestación do servizo de inspección técnica nas parroquias do rural.
As inspeccións realizaranse a partir do mes de febreiro en Calde, Coeses, Piñeiro, Recimil e Vilachá de Mera.
“Seguimos traballando para que o rural conte con servizos esenciais en igualdade de condicións, evitando desprazamentos innecesarios e facilitando o día a día da veciñanza”, destacou o alcalde, Miguel Fernández.
- Tema
- Benestar social,
- Accesibilidade,
- Medio rural,
- Dinamización rural,
- Internet rural,
- Transporte,
- Tráfico,
- Servizos xerais
O Goberno local de Lugo manterá un ano máis a súa colaboración coas unidades móbiles de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) nas parroquias do rural, co obxectivo de facilitar o acceso a este servizo esencial ás veciñas e veciños e evitar desprazamentos a outros puntos do municipio.
Tras as actuacións desenvolvidas o ano pasado, nas que se instalaron tomas de terra fixas para mellorar a seguridade e a operatividade das estacións móbiles, o Concello continuará colaborando este ano nas localizacións de Calde, Coeses, Piñeiro, Recimil e Vilachá de Mera, onde as ITV móbiles comezarán a prestar servizo a partir do mes de febreiro.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou a importancia desta cooperación institucional: “Desde o Goberno local colaboramos para que este servizo poida prestarse no rural en condicións adecuadas, garantindo a seguridade das inspeccións e facilitando que a veciñanza non teña que desprazar maquinaria agrícola ou vehículos pesados ata outras instalacións, como as situadas no Ceao”.
Ademais das tomas de terra xa executadas, o Concello pon a disposición do persoal das ITV os centros sociais ou escolas rurais máis próximos a cada punto de inspección, co fin de ofrecer espazos adecuados durante a xornada de traballo. Nalgúns casos concretos, como na parroquia de Calde, complétase este apoio coa instalación de servizos adicionais para garantir as condicións necesarias para o desenvolvemento da actividade.
Paralelamente, desde o Goberno local tamén se realizan traballos previos de adecuación dos emprazamentos, como o nivelado do terreo, mediante medios propios da brigada rural, cando resulta necesario para a correcta instalación da báscula e da instrumentación técnica das unidades móbiles.
“Esta colaboración é un exemplo máis do compromiso do Concello co rural, achegando servizos clave, mellorando a súa accesibilidade e contribuíndo a que o día a día das nosas parroquias sexa máis sinxelo”, concluíu Miguel Fernández.
