Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Goberno Local defende no pleno do Concello a gratuidade do aparcamento no Hospital

O Goberno Local defende no pleno do Concello a gratuidade do aparcamento no Hospital

  • Tema
    • Protección da comunidade
Martes, 04 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno do Concello de Lugo reclama a gratuidade do aparcamento no novo Hospital porque tanto a infraestrutura sanitaria como o aparcamento “construíronse en terreos doados polo pobo de Lugo”, segundo salientou o voceiro do equipo de Goberno, José Rábade, no pleno municipal.

Rábade considera inxusto que os veciños teñan que pagar por estacionar o seus vehículos cando acudan ó hospital que é un servizo esencial. “A xente non vai aparcar alí para facer a compra” ironizou o voceiro do equipo de Goberno e Concelleiro de Tráfico.

Tamén respondeu ós argumentos da Consellería de Sanidade sobre a existencia doutros hospitais galegos nos que se cobra por aparcar e lembroulle á Consellería que no Complexo hospitalario universitario de Santiago hai 1.000 prazas de estacionamento gratuíto.

Ademais o voceiro do equipo de Goberno reiterou que o Concello non vai poñer o sistema ORA nas proximidades do novo Hospital, nin nas vías de acceso nin nas zonas perimetrais, como xa anunciou o Concello logo de que a Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, recoñecera no Parlamento que a súa intención é cobrar por aparcar no parking do Hospital.

Contra o traslado das especialidades

Na sesión plenaria, o Goberno local tamén amosou a súa oposición a outro proxecto de Sanidade, o traslado do Centro de Especialidades da rúa Ferrol, unha medida que suporía recortar servizos no centro coa conseguinte repercusión económica para establecementos comerciais e de hostalería da zona.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-goberno-local-defende-no-pleno-do-concello-gratuidade-do-aparcamento-no-hospital