Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Goberno Local de Lugo vaise baixar o soldo en coherencia co axuste que anunciou o Goberno

O Goberno Local de Lugo vaise baixar o soldo en coherencia co axuste que anunciou o Goberno

Mércores, 12 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno local de Lugo vaise rebaixar o soldo e proporá a mesma medida ós grupos da oposición.

O Equipo de Goberno do Concello de Lugo, quere ser coherente co axuste contemplado nas medidas que anunciou hoxe no Congreso o Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, para facerlle fronte á crise.

Á espera de coñecer en detalle o Real Decreto que aprobará o Goberno que prevén a diminución dos salarios dos funcionarios, o Concello de Lugo anuncia que recurtará tamén os salarios que perciben os membros do Goberno Local.

Deste xeito, o Concello de Lugo continúa coa súa política de austeridade. O Goberno local de Lugo lembra que xa ten posto en marcha diversas medidas neste sentido. Así, dende hai dous anos están conxelados os salarios dos políticos e altos cargos do Concello, conxeláronse os impostos co fin de que as familias lucenses dispoñan de máis cartos e tamén se levaron a cabo iniciativas para aforrar noutros gastos.

As medidas postas en práctica pola Concellería de Asuntos Xerais permitíronlle ó Concello aforrar un 25% na factura telefónica e un 50% en gasto de papel e consumibles.

Ademais, o Goberno local o tomou outras medidas de axuste como a redución dos Orzamentos municipais en case 15 millóns de euros, mantendo tanto o nivel de gasto social coma os investimentos, neste caso grazas ós fondos aportados polo Plan E.

Con este tipo de medidas o Concello de Lugo conseguiu pechalo último exercicio sen déficit.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-goberno-local-de-lugo-vaise-baixar-o-soldo-en-coherencia-co-axuste-que-anunciou-o-goberno