O Goberno local aproba o Plan Estratéxico de Subvencións 2026-2028 con preto de 3,7 millóns para reforzar o apoio ao tecido social, cultural, deportivo e económico de Lugo
A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto técnico e o investimento para probar na rúa nova a solución técnica comprometid, para mellorar o pavimento que se colocou na recente peonalización do centro, e implantar un modelo duradeiro que utilizará a combinación de granito e adoquín
- Tema
- Orzamento,
- Subvencións municipais

A Xunta de Goberno Local aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións 2026-2028, (estaba caducado dende decembro de 2025) o documento que establece a planificación das axudas municipais para os próximos tres exercicios e que permitirá seguir apoiando ás entidades, colectivos e iniciativas que contribúen ao desenvolvemento social, cultural, deportivo e económico da cidade.
O plan recolle as distintas liñas de subvención que poderá convocar o Concello entre 2026 e 2028, definindo os seus obxectivos, os colectivos destinatarios e a planificación económica das distintas convocatorias e convenios.
Para o exercicio 2026 prevese unha dotación global de 3.698.243,25 euros, destinada a actuacións nos ámbitos dos servizos sociais, a cultura, o deporte, a participación cidadá, o comercio, o emprego, a igualdade, o medio ambiente e a dinamización económica, sen prexuízo da súa concreción nas correspondentes convocatorias e da dispoñibilidade orzamentaria.
O Goberno local pon en marcha na Rúa Nova a solución técnica para renovar o pavimento do centro peonil
A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de renovación dos pavimentos da Rúa Nova, cun investimento de 98.813,17 euros e un prazo máximo de execución de dous meses.
Esta actuación permitirá aplicar por primeira a solución técnica deseñada polo Goberno local para renovar o pavimento do centro recentemente peonalizado, e que se atopa nalgúns puntos en moi mal estado. A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, explicou que "comprometémonos a buscar unha solución técnica duradeira e hoxe damos o primeiro paso para facela realidade". O novo sistema, baseado en criterios de durabilidade, permitirá avaliar o comportamento desta solución antes da súa implantación progresiva noutras rúas do centro histórico que presentan as mesmas deficiencias.
Melloras no espazo público e nas instalacións municipais
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobará tamén o inicio da contratación das obras de renovación do pavimento de Campo Castelo, cun orzamento de 88.084,99 euros, para actuar no tramo comprendido entre a saída das galerías da Praza Maior e a parte posterior da Casa Consistorial, mellorando a seguridade e a accesibilidade deste espazo do centro histórico.
No ámbito deportivo, o Executivo local adxudicará as obras de renovación integral da pista de atletismo Gregorio Pérez Rivera, cun investimento de 483.330,43 euros, unha actuación que permitirá modernizar completamente esta instalación municipal e ofrecer mellores condicións para a práctica deportiva.
Organización municipal e persoal
No ámbito da organización interna, a Xunta de Goberno Local aprobará o nomeamento como funcionarias de carreira de dúas técnicas medias de xestión que superaron o proceso de promoción interna para acceder a prazas do subgrupo A2. As novas funcionarias desempeñarán a xefatura da Sección de Actas e un posto de técnica media de xestión no Servizo de Persoal.
Ademais, designaranse os tribunais cualificadores de dous procesos selectivos correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2023 para cubrir unha praza de técnico/a e outra de técnico/a medio/a de xestión mediante quenda libre.
Outros asuntos
A Xunta de Goberno Local aprobará tamén a adhesión do Concello de Lugo á Rede Eusumo, iniciativa promovida pola Xunta de Galicia para fomentar o cooperativismo e a economía social. A través deste convenio, o Concello colaborará na organización de actividades de formación, asesoramento e apoio ao emprendemento colectivo.
