Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Goberno de Lugo avanza na atención aos barrios periféricos con novas actuacións na zona de Albeiros

O Goberno de Lugo avanza na atención aos barrios periféricos con novas actuacións na zona de Albeiros

Alexandre Penas: "avanzamos na mellora da calidade de vida da veciñanza, renovando o asfalto das rúas Fento e Xasmín, e instalando novo alumeado nas rúas Couselo e Xasmín"

Nos vindeiros días comezarán as actuacións nestas rúas, que contan cun orzamento de preto de 20.000€

  • Tema
    • Infraestruturas
Luns, 24 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo avanza na atención aos barrios periféricos con novas actuacións na zona de Albeiros

O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que nos vindeiros días comezarán os traballos de adecentamento das rúas Fento e Xazmín e a renovación do alumeado das rúas Xasmín e Couselo, en Albeiros. O Goberno de Lugo investirá preto de 20.000€ nestas actuacións, que, segundo explicou Alexandre Penas, “permitirá continuar na mellora da imaxe e dos barrios da cidade e garantir unha mellor calidade de vida das veciñas e veciños da zona”.

A solución adoptada pola concellería de Infraestruturas Urbanas para as rúas Fento e Xasmín consiste na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. A sinalización vertical renovarase. Nas rúas Couselo e Xasmín comezarán nas vinderas semanas os traballos de renovación do alumeado público, avanzando na instalación de luminarias LED de baixo consumo, e reducindo así as emisións producidas pola rede de alumeado público da cidade.

"A intervención levarase a cabo intentando minimizar ao máximo posible as molestias ás veciñas e veciños da zona", indicou o edil nacionalista, que engadiu "dende a concellería de Infraestruturas Urbanas temos que ter en conta que a maioría das veciñas e veciños de Lugo vivimos en barrios, e temos que traballar para mellorar a calidade de vida dos mesmos".


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-goberno-de-lugo-avanza-na-atencion-aos-barrios-perifericos-con-novas-actuacions-na-zona-de