Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Goberno de Lugo abre unha vía de diálogo coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar para seguir mellorando o servizo

O Goberno de Lugo abre unha vía de diálogo coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar para seguir mellorando o servizo

Elena Candia destaca a importancia de escoitar ás profesionais e anuncia tamén medidas de información ás familias sobre o labor que realizan

  • Tema
    • Dependencia,
    • Servizos sociais
Martes, 11 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo abre unha vía de diálogo coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar para seguir mellorando o servizo

O Goberno de Lugo mantivo unha primeira reunión co comité de empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para coñecer de primeira man as principais preocupacións das traballadoras e abordar posibles vías de mellora do servizo.

Como resultado deste primeiro encontro, poñerase en marcha unha mesa de traballo na que representantes das traballadoras e Concello poderán analizar e poñer en común propostas destinadas a mellorar as condicións nas que desenvolven o seu labor e a calidade do servizo.

Entre as cuestións trasladadas polo comité figuran os tempos de desprazamento entre domicilios, as dificultades de estacionamento das profesionais que utilizan o seu vehículo particular e a necesidade de clarificar as funcións que corresponden ás auxiliares do SAF.

Neste último ámbito, o Goberno local considera fundamental realizar tamén un labor de pedagoxía coas persoas usuarias e as súas familias, para que coñezan con claridade en que consiste o Servizo de Axuda no Fogar e cales son as tarefas que realizan as profesionais, favorecendo así unha mellor comprensión do servizo e evitando posibles situacións de fricción.

A alcaldesa, Elena Candia, subliñou que esta reunión constitúe “unha primeira toma de contacto para escoitar ás traballadoras e coñecer directamente as súas preocupacións”. “Son persoas que prestan un servizo público esencial para Lugo e queremos que se sintan escoitadas e arroupadas pola Administración”, afirmou.

Candia lembrou tamén que o Goberno local puxo en marcha un plan de choque para reducir a lista de espera do Servizo de Axuda no Fogar, co obxectivo de garantir o acceso á prestación das persoas que a necesitan e que xa reduciu dita lista en 50 personas no prazo de tres semanas.

Pola súa banda, o responsable da área, Gustavo Díaz, destacou que “se queremos construír unha cidade que coida das súas persoas dependentes, temos que empezar por coidar ás persoas que as coidan”.

O Concello continuará, a través desta mesa de traballo, escoitando as propostas das profesionais e estudando aquelas medidas que poidan contribuír a facer máis atractivo o seu labor e a seguir mellorando un servizo público esencial para a cidade.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-goberno-de-lugo-abre-unha-de-dialogo-coas-traballadoras-do-servizo-de-axuda-no-fogar-para