Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Goberno cumpre coa petición do tecido cultural e aproba o cambio do busto de Xoán Montes á Praza Maior

O Goberno cumpre coa petición do tecido cultural e aproba o cambio do busto de Xoán Montes á Praza Maior

Este entorno é emblemático en Lugo e na vida do que foi o músico máis importante da súa época en Galicia, pois está rodeado de escenarios importantes na súa traxectoria, como o edificio do Seminario, hoxe convertido no colexio Padres Franciscanos, o Círculo das Artes, a Catedral e o templete da música

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Martes, 29 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, avanzou este martes que a Xunta de Goberno aprobará mañá unha proposta para cambiar de localización o busto de Xoán Montes dende os xardíns de San Roque ao fondo da Praza Maior, por ser este un lugar emblemático, en Lugo e na vida do músico lucense, “pois está rodeado de escenarios importantes na súa traxectoria, como o edificio do Seminario, hoxe convertido no colexio dos Padres Franciscanos, onde se formou e aprendeu a ler e escribir música, o Círculo das Artes, onde traballou como pianista, a Catedral, onde foi mestre de capela, e o templete da música, onde cantou co Orfeón Lucense”, explicou a edil.

Unha vez que a Xunta de Goberno aprobe esta iniciativa, que conta co visto bo do servizo municipal de Enxeñería, tramitarase unha proposta de gasto para acometer o traslado da estatua coa previsión de que en abril estea xa na Praza Maior. Este monumento ao músico máis importante da súa época en Galicia, “tanto que Alfredo Brañas o comparou con Rosalía de Castro no campo da poesía”, foi instalado por suscrición popular, pagado pola cidadanía de Lugo, familiares, amigos e discípulos, como lembrou a Concelleira de Cultura.

Segundo anunciou tamén Carmen Basadre, no lugar dos xardíns de San Roque no que está hoxe o busto do músico lucense o Concello colocará unha peza alusiva á época romana que se atopa no balneario.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o cambio do busto de Xoán Montes | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-goberno-cumpre-coa-peticion-do-tecido-cultural-e-aproba-o-cambio-do-busto-de-xoan-montes

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/290119_cambio_busto_xoan_montes_-_carmen_basadre.mp3