O Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade acorda pedir á Xunta persoal especializado nos centros Quérote para asistir ao colectivo LGTB+
Cren que os CIM están saturados para prestar a maiores este servizo e insisten en que os puntos Quérote precisan de recursos e de traballadores formados neste campo.
Os participantes no foro demandaron ao Goberno galego a apertura inmediata no HULA do punto de axuda ás vítimas de agresións sexuais e que non se privatice a súa xestión.
A edil de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, sinalou que ata o día 3 se recollerán as propostas das distintas asociacións, de cara á programación definitiva do 25-N.
- Tema
- Alcaldía,
- Igualdade

O salón de plenos do Concello de Lugo acolleu esta mañá a reunión do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, presidido pola tenente de alcadesa e edil de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, na que se acordou por unanimidade solicitar á Xunta de Galicia persoal especializado, dotacións e recursos para que os centros Quérote poidan prestar a atención adecuada ao colectivo LGTBI+. Así o explicou a edil de Muller, Igualdade e inclusión, Ángeles Novo, tamén vicepresidente desta mesa, quen sinalou que a proposta pasa porque “A Xunta dote de recursos e de persoal especializado aos centros Quérote para prestar unha atención adecuada e experta ás persoas do colectivo LGTBI+. Agora mesmo se lles atende nos Centros de Atención á Muller, pero estes puntos se constituíron co obxectivo de prestar asistencia ás mulleres e polo tanto o persoal non ten a formación adecuada, ao que se suma o feito de que na actualidade xa están moi saturados”.
Neste sentido, Ángeles Novo insiste en que “o CIM de Lugo atende e asiste a mulleres doutros municipios lucenses, xa que na provincia de Lugo hai 11 centros deste tipo, fronte aos 17 que operan na provincia de Ourense, os 27 de Pontevedra e os 29 que hai abertos na provincia da Coruña”. “Se trata de prestar unha atención adecuada a todas e todos, mulleres e ás persoas do colectivo LGTBI+, polo que pedimos que se dote de recursos aos centros Quérote”.
Á reunión asistiron representantes de todos os grupos políticos no Concello de Lugo, do CIM, do Colexio Oficial de Enfermería, sindicatos e dos colectivos Aliad Ultreia, Asociación de Mulleres Empresarias, Fundación Secretariado Gitano, Asociación de Promoción e Integración Gitana, Foro Feminista, Asociación Gitana Phenjalipen e, como invitada, a Plataforma Feminista. Tamén houbo consenso sobre o centro de atención ás vítimas de agresións sexuais que a Xunta de Galicia anunciou xa en 2021 para operar no HULA, e que está incluído no Pacto de Estado. Neste sentido Ángeles Novo fixo fincapé “na necesidade de que entre en funcionamento de xeito inmediato e de que o faga sen recorrer á privatización da súa xestión, tal e como se anunciou por parte do Goberno galego”.
Outro dos puntos abordados polo Foro de Participación Cidadá en Materia de Igualdade se referiu ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. A este respecto a edil de Igualdade sinalou que “ata o vindeiro día 3 de novembro poderán presentarse propostas e ideas para despois pechar a programación de cara a conmemoración desta xornada do 25-N, na que un ano máis volveremos a apelar á unidade de acción para que todos e todas participamos desta importante reivindicación”.
A preguntas das asistentes sobre a non adhesión de Lugo ao Viogen do Ministerio do Interior, Ángeles Novo, explica que “o sistema Viogen determina o grao de maltrato das vítimas, e na actualidade calquera persoa que en Lugo presente unha denuncia terá esta atención por parte da Policía Nacional e da Garda Civil. No caso de Lugo, polo de agora a Policía Local non participa porque se están a formar e non hai suficientes efectivos; pero hai un protocolo de adhesión ao que xa optou o Concello de Lugo e, en calquera caso, se atende ás vítimas e se establecen os distintos graos de protección”.
Respecto á atención que se presta ás mulleres no concello de Lugo e as axudas ás que poden acollerse en caso de precisalo, se acordou a necesidade de intensificar as campañas informativas que concreten cales son os recursos existentes para asistir ás mulleres vítimas de violencia de xénero.
