Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Executivo de Paula Alvarellos potencia a resiliencia emocional dos bombeiros de Lugo cun curso de prevención psicolóxica

O Executivo de Paula Alvarellos potencia a resiliencia emocional dos bombeiros de Lugo cun curso de prevención psicolóxica

A rexedora asistiu ao inicio do programa, destacando a importancia de coidar a saúde mental dos profesionais de emerxencias.

A formación, impartida polo doutor Manuel Iglesias Soilán, abordou a xestión emocional, a resiliencia e a prevención do burnout a través de metodoloxías activas.

"Os bombeiros afrontan situacións de gran impacto emocional, e dende o Goberno local queremos ofrecerlles todas as ferramentas posibles para protexer o seu benestar", subliñou Alvarellos.

  • Tema
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade
Venres, 31 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos potencia a resiliencia emocional dos bombeiros de Lugo cun curso de prevención psicolóxica

Os bombeiros de Lugo participaron no programa Cuidando a quen nos coidan: prevención psicolóxica para bombeiros, unha formación pioneira dirixida a mellorar a xestión emocional dos equipos de emerxencia. A alcaldesa Paula Alvarellos acompañou ao equipo na posta en marcha do curso, resaltando que "a súa seguridade e saúde mental é tan importante como a súa preparación técnica, porque coidar deles tamén significa coidar da cidadanía".

A formación, impartida polo doutor Manuel Iglesias Soilán, especialista en psicoloxía da educación con formación na Universidade Complutense de Madrid e Harvard, desenvolveuse ao longo dunha xornada intensiva de máis de seis horas. Dividida en tres sesións, combinou metodoloxías psicoeducativas e prácticas, promovendo a participación activa dos bombeiros a través do diálogo socrático e actividades de aprendizaxe colaborativo.

Na primeira sesión, abordáronse os fundamentos da prevención psicolóxica, analizando o impacto do estrés e da fatiga por compaixón, así como as estratexias de protección psicolóxica baseadas na resiliencia e no traballo en equipo. A segunda sesión centrouse na autoconciencia emocional e no fortalecemento dos sistemas de apoio prosocial, ensinando aos participantes a pedir e ofrecer axuda de maneira efectiva. Finalmente, na terceira sesión traballáronse estratexias específicas para previr o burnout, diferenciando entre o estrés positivo (eustrés) e o negativo (distrés) e aprendendo técnicas para afrontar os retos emocionais da profesión.

Paula Alvarellos destacou a importancia deste tipo de iniciativas, afirmando que "é fundamental que os profesionais que traballan en contextos de alta esixencia emocional conten con recursos para afrontar as súas funcións con garantías". Ademais, puxo en valor o traballo diario dos bombeiros, asegurando que "o compromiso do Goberno local é seguir reforzando a súa formación e apoio, para que dispoñan das mellores condicións posibles no exercicio do seu labor".

Esta iniciativa reafirma o compromiso do Executivo de Paula Alvarellos coa saúde mental e a formación continua dos servizos de emerxencia, garantindo un mellor acompañamento aos profesionais que afrontan situacións de gran impacto emocional no seu día a día.

Audio

  • Paula Alvarellos, sobre  a resiliencia emocional dos bombeiros de Lugo | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-executivo-de-paula-alvarellos-potencia-resiliencia-emocional-dos-bombeiros-de-lugo-cun-curso

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/013125_audio_paulaalvarellos_o_executivo_de_paula_alvarellos_reforza_o_apoio_aos_bombeiros_de_lugo_cun_curso_de_prevencion_psicoloxica.mp3