Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Executivo de Paula Alvarellos pon en marcha a campaña de control de estorniños para minimizar as molestias que esta especie causa á veciñanza

O Executivo de Paula Alvarellos pon en marcha a campaña de control de estorniños para minimizar as molestias que esta especie causa á veciñanza

Esta semana comezaron os traballos con medidas específicas para reducir a súa concentración masiva en certos puntos da cidade.

As actuacións concéntranse en áreas como o Parque de Frigsa e a Avenida de Ramón Ferreiro, con técnicas para afastar as aves sen causarlles ningún tipo de dano.

"Solucionar este problema require un esforzo intensivo para garantir a tranquilidade e a salubridade nas zonas máis afectadas", destaca Mauricio Repetto, responsable en funcións da área de Transición Ecolóxica.

  • Tema
    • Medio rural,
    • Protección do medio rural,
    • Protección da comunidade
Mércores, 06 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos pon en marcha a campaña de control de estorniños para minimizar as molestias que esta especie causa á veciñanza

O Executivo de Paula Alvarellos puxo en marcha esta semana unha nova campaña de control de estorniños, co obxectivo de reducir os efectos que estas aves ocasionan na contorna urbana debido á súa concentración masiva en certos puntos da cidade. Segundo explicou Mauricio Repetto, responsable en funcións da área de Transición Ecolóxica, "solucionar este problema require un esforzo intensivo para garantir a tranquilidade e a salubridade nas zonas máis afectadas", subliñando a importancia de actuar de forma preventiva para evitar que os estorniños se concentren en parques e rúas.

A campaña céntrase na aplicación de técnicas especializadas, tales como sistemas de sons de alarma fixos e móbiles, voos de intimidación de aves rapaces adestradas, así como outras metodoloxías que variarán segundo as necesidades do servizo. Estas intervencións, tal como sinala o prego técnico do contrato, están deseñadas para afectar unicamente á especie diana, o estorniño pinto e outras aves da mesma familia, sen causarlles ningún tipo de dano físico.

O edil tamén explicou que a presenza masiva destes paxaros en Lugo vén motivada polos seus movementos migratorios naturais, que lles levan a buscar zonas seguras e protexidas despois da súa época reprodutora. "Esta campaña busca garantir que a nosa cidade non se vexa afectada por grandes concentracións de estorniños, que poden causar molestias pola emisión de ruídos e a acumulación de excrementos", destacou Repetto. Así, o Concello traballa para controlar a súa presenza e reducir as molestias xeradas, sen interferir cos movementos migratorios naturais da especie.

Nos vindeiros días, os traballos continuarán en diferentes puntos da cidade, co fin de reducir a poboación de estorniños ata niveis que non resulten molestos para o público. Repetto subliñou que "o noso compromiso é garantir a boa convivencia entre a veciñanza e o entorno natural, actuando sempre co maior respecto cara a biodiversidade e o benestar animal". O Concello manterá un seguimento regular da situación e solicita á veciñanza que colabore avisando ao Servizo de Medio Ambiente, ou chamando ao teléfono 010, en caso de detectar novos asentamentos de estorniños en outras áreas.

Este dispositivo especial de control, que se estenderá nas próximas semanas, inclúe tamén un sistema de vixilancia para evitar que as aves se establezan de forma permanente en zonas urbanas, continuando ata que a situación quede completamente estabilizada.

Audio

  • Mauricio Repetto, sobre a campaña de control de estorniños | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-executivo-de-paula-alvarellos-pon-en-marcha-campana-de-control-de-estorninos-para-minimizar

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/110624_audio_mauriciorepetto_o_executivo_de_paula_alvarellos_pon_en_marcha_a_campana_de_control_de_estorninos.mp3