O Executivo de Paula Alvarellos organiza un obradoiro de exploración botánica urbana no entorno do novo Coliving artístico municipal
A actividade, a cargo da artista e paisaxista experta en vexetación Noa Rodríguez, forma parte da programación do Goberno Local para dar a coñecer a nova instalación do Carme.
Alvarellos: “Estamos moi ilusionados de presentar a primeira iniciativa coa que difundir o inmoble entre a cidadanía, as comunidades artísticas e os axentes culturais da comunidade”.
Para participar no obradoiro, que terá lugar o vindeiro xoves 18 de xullo, de 18:00 a 21:00 horas, é preciso inscribirse no email: cam@lugo.gal [1] En total, hai 25 prazas dispoñibles.
- Tema
- Benestar social,
- Desenvolvemento social,
- Infraestruturas,
- Medio rural,
- Medio ambiente,
- Urbanismo

O Executivo de Paula Alvarellos organiza o vindeiro xoves, 18 de xullo, un obradoiro de exploración botánica urbana no entorno do novo Coliving artístico municipal, no barrio do Carme. A actividade baixo o título “Herbiñas en residencia”, será impartida pola artista e paisaxista experta en vexetación Noa Rodríguez Méndez e forma parte da programación posta en marcha polo Goberno Local para dar a coñecer as instalacións, trala súa inauguración en xuño.
Neste senso, a rexedora subliñou que “estamos moi ilusionados de presentar a primeira iniciativa que organizamos dende o Concello para difundir este pioneiro inmoble entre a cidadanía, as comunidades artísticas e os axentes culturais da comunidade”. “O obradoiro propón un paseo dinamizado polo Carme e exploración da botánica urbana na contorna do Coliving, polo que suporá unha magnífica oportunidade para explorar e descubrir este barrio histórico da cidade dende unha perspectiva diferente”, explicou.
Será un roteiro de tres horas de duración, de 18:00 a 21:00 horas, con saída e chegada no Coliving a través do que rexistrar e entender outras formas de habitar o urbano. Unha xornada destinada a todos os públicos na que darlle voz ás plantas que crecen nas gretas e coñecelas mellor. En total haberá 25 prazas dispoñibles que se irán adxudicando por rigorosa orde de entrada das solicitudes a través do email cam@lugo.gal [1]. As inscricións xa se atopan abertas.
O Coliving do Carme nace co obxectivo de ser catalizador da cretividade e do desenvolvemento profesional no ámbito artístico e cultural, pero tamén para contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo. O Executivo municipal deseñou unha programación de actividades ata final de ano para dar a coñecer esta nova dotación, mentres que en 2025, prevese que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving.
Así, xa se están a elaborar as bases que regularán a convocatoria destas residencias, para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, para desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público na área expositiva deste mesmo centro.
Neste verán haberá tamén un concerto acústico exterior inspirado na música tradicional lírica galega, a cargo da artista Nebra con son en directo ao aire libre. E, durante o outono, celebrarase un taller interactivo centrado na exploración da contorna e a creatividade a través da pedagoxía do lugar, promovendo así a conexión coa natureza e o uso do Coliving. Este obradoiro estará dirixido a nenos e familias e incluirá actividades prácticas como debuxo, construción e exploración sensorial.
A artista Noa Rodríguez
Noa Rodríguez Méndez (Santiago de Compostela). Licenciada en Belas Artes en 2018 pola Universidade de Vigo. No 2019 cursa en Londres o Máster en Arte e Ciencia da Central Saint Martins, UAL, contando cunha bolsa de estudos da Deputación da Coruña. No 2021, o seu proxecto final de Máster: The Wasteland- O descampado-, resultou nominado aos MullenLowe NOVA Awards e This Earth MAISON / 0. A súa práctica artística inclúe proxectos de Holografía na Facultade de Física da Universidade de Aveiro e traballos de divulgación dentro do Storytelling Science Project co Mostowy Lab de Londres. O seu traballo foi exposto a nivel nacional en festivais como o Sin-Sal 2018 en Vigo e na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, como bolseira REGA. Internacionalmente, participou en exposicións colectivas en Inglaterra e Rumanía. Actualmente, cursa en Lugo o Grao interuniversitario en Paisaxe, da USC-UDC.
