O Executivo de Paula Alvarellos aproba o Plan municipal de Control Tributario para o exercicio 2025
Trátase dunha ferramenta para a loita contra a fraude fiscal que faga efectivos os principios de xustiza tributaria polos que toda a cidadanía debe contribuír ao sostemento do gasto público de acordo coa súa capacidade económica.
Este traballo, que continua a senda iniciada xa no exercicio que acaba de rematar, contribuirá ao incremento da recadación voluntaria e mellorará a capacidade de inspección.
As súas liñas prioritarias de actuación centraranse en potenciar a concienciación contra a fraude, favorecer a tarefa inspectora e reforzar as alianzas institucionais con outras administracións tributarias en materia de intercambio de información.
O documento, de carácter reservado segundo determina a normativa vixente , será un texto aberto ao que se poidan ir incorporando as informacións que trasladen os propios equipos de inspección.
- Tema
- Economía,
- Impostos,
- Recadación

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na Xunta de Goberno Local que se celebra mañá o Plan municipal de Control Tributario para o exercicio 2025. O novo documento pretende ser un instrumento de xestión en materia de aplicación de tributos pero, sobre todo, unha ferramenta para continuar loitando contra a fraude fiscal que faga efectivos os principios de xustiza tributaria polos que toda a cidadanía debe contribuír ao sostemento do gasto público de acordo coa súa capacidade económica.
Estes traballos de inspección, que continúan a senda iniciada no exercicio fiscal que acaba de rematar, estarán dirixidos polos responsables técnicos municipais e o seu obxectivo será o de contribuír ao incremento da recadación voluntaria, no caso dos tributos de cobro periódico, pero tamén levar a cabo un maior labor de inspección e tramitar os expedientes que xurdan ao abeiro do mesmo.
O documento, de carácter reservado segundo determina a normativa vixente (Apartado 7 do artigo 170 do Real decreto 1065/2007), será un texto aberto ao que se poidan ir incorporando as informacións que trasladen os propios equipos de inspección e recollerá, entre outros, os criterios sectoriais e territoriais, cuantitativos ou comparativos que servirán para seleccionar ás e aos obrigados tributarios. O Plan terá unha duración de 12 meses, aínda que durante a súa vixencia poderán aprobarse as modificacións que se estimen convenientes.
O cometido a desenvolver terá unha incidencia directa sobre, entre outros, o Imposto de Actividades Económicas, para detectar actividades non declaradas; no ICIO, para verificar que se corresponde o custo real das obras unha vez finalizadas coa licenza solicitada e tamén sobre a Taxa polo aproveitamento especial do dominio público a favor das compañías explotadoras de servizos de subministración de interese xeral co fin de comprobar que non estean operando empresas que non tributan por ese concepto.
A sua misión é polo tanto exercer un control sobre as actividades con risco potencial de defraudación, evitar á diminución dos valores postos ao cobro por parte do Concello, ben sexa por prescrición ou por insolvencia, e previr e realizar un seguimento dos incumprimentos detectados. As súas liñas prioritarias de actuación centraranse en potenciar a concienciación contra a fraude, favorecer a tarefa inspectora e reforzar as alianzas institucionais con outras administracións tributarias, especialmente coa autonómica e coa Axencia Estatal, en materia de intercambio e tratamento da información.
