Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O executivo de Lara Méndez convida a normalizar os problemas de saúde mental cun acto simbólico no ceo da Catedral

O executivo de Lara Méndez convida a normalizar os problemas de saúde mental cun acto simbólico no ceo da Catedral

A Concellería de Benestar colabora coa exhibición de ‘papaventos’ pola Día Mundial da Saúde, que terá o domingo 16 de outubro, ás 19:00 horas.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Servizos sociais,
    • Sanidade
Sábado, 15 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez convida a normalizar os problemas de saúde mental cun acto simbólico no ceo da Catedral

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Benestar que dirixe Olga López, volve a apoiar este ano o Día Mundial da Saúde Mental -colaborando coa Fundación Salma- este próximo domingo, ás 19.00 horas, nunha iniciativa na que se convida á cidadanía a encher de cometas o ceo nas proximidades da Catedral co obxectivo de “normalizar esta enfermidade na nosa contorna”, explicou a edil.

Unha iniciativa que dende o Concello de Lugo se apoia, xa que “é moi importante visibilizar e sensibilizar ao conxunto da sociedade así como desestigmatizar sobre os problemas de saúde mental”, apuntou a concelleira, agradecendo o labor da Fundación Salma que “é esa man amiga que axuda a acompañar ás persoas afectadas”.

Neste punto, a edil apuntou que “o próximo 16 de outubro será outra xornada importante para concienciar sobre os problemas de saúde mental”, mostrando o compromiso do Concello nesta ocasión con Fundación Salma, e con todas as asociacións que traballan neste sentido “pois o seu labor é indispensable e complementa á que levan a cabo as administracións”, concluíu Olga López.

A Fundación Salma

É unha fundación sen ánimo de lucro que traballa para mellorar as condicións das persoas con problemas de saúde mental. A nosa misión é dotar a Galicia dun modelo de xestión integral e multidisciplinar en materia de atención sanitaria e asistencia social para a saúde mental: un sistema que poña no centro os dereitos humanos das persoas con problemas de saúde mental, que entenda a saúde mental como un factor de progreso social, que parta dende os centros de saúde de atención primaria, e que conte co respaldo legal, a asignación de recursos e a planificación necesarias para a súa xestión eficaz e continuada.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-executivo-de-lara-mendez-convida-normalizar-os-problemas-de-saude-mental-cun-acto-simbolico