Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Executivo de Lara Méndez condena os actos vandálicos na nova rede de sinalización contra a violencia machista

O Executivo de Lara Méndez condena os actos vandálicos na nova rede de sinalización contra a violencia machista

A tenenta de alcaldesa, Ana González Abelleira, sinalou que “comportamentos como este poñen en risco os avances logrados polas mulleres da cidade nos últimos anos”.

A edila considera que esta agresión é consecuencia directa do negacionismo da violencia de xénero no que están instalados os partidos da dereita no contexto nacional.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Igualdade,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade,
    • Urbanismo
Xoves, 20 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez condena os actos vandálicos na nova rede de sinalización contra a violencia machista

O Executivo de Lara Méndez condenou esta mañá o ataque á nova rede de sinalización contra a violencia machista instalada polo Goberno nos principais accesos á cidade. O obxectivo desta iniciativa, levada a cabo ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, é aumentar o nivel de concienciación cidadá sobre esta lacra, reforzando o labor que a institución leva a cabo nesta materia. “Expresamos a nosa firme condena a este ataque que, con nocturnidade e aleivosía, pretende evidenciar a belixerancia do ideario ultraconservador que nega que exista unha violencia contra as mulleres polo mero feito da súa condición de muller”, sinalou a tenenta de alcaldesa de Cohesión Social, Ana González Abelleria.

“Este tipo de agresións contra a igualdade son consecuencia directa da polarización política que fomenta a dereita radical no contexto nacional. É imperdoable que o negacionismo da violencia de xénero no que están instalados os partidos da dereita permitan sentir a estes vándalos a suficiente impunidade como para acometer actos tan desprezables como este. Desde o momento en que un líder político cualifica de “divorcio duro” un caso de violencia machista comézase a branquear este tipo de comportamentos que constitúen a expresión máxima da violencia contra as mulleres e que desgraciadamente estamos a sufrir como sociedade.”, afirmou  a edila.

“É preciso que desde as institucións públicas expresemos a nosa máxima repulsa contra a ideoloxía retrógrada promulgada por estas opcións políticas. Todo o que non sexa loitar contra a violencia machista é ser cómplice da mesma. O auxe de comportamentos como este poñen en risco os avances logrados nos últimos anos en prol desta loita. Lamentablemente, o avance do ideario ultraconservador no contexto estatal está a arrastrar na súa deriva a formacións políticas que ata fai ben pouco formaban parte do consenso social existente contra esta lacra e do que agora renegan por intereses puramente electorais”, concluíu González Abelleria.

Audio

  • A edil de Cohesión Social, Ana González Abelleria, condena os actos vandálicos | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-executivo-de-lara-mendez-condena-os-actos-vandalicos-na-nova-rede-de-sinalizacion-contra

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/210723_anagonzalez_condenaviolenciamachista_mp3cut.net.mp3