Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Executivo de Lara Méndez anuncia que o Concello e Afundación xa están en disposición de permutar os terreos do Sagrado Corazón para destinalos a un novo centro médico

O Executivo de Lara Méndez anuncia que o Concello e Afundación xa están en disposición de permutar os terreos do Sagrado Corazón para destinalos a un novo centro médico

A Alcaldía de Lugo comunicoullo esta mesma mañá á Consellería de Sanidade, ao tempo que se estudan as necesidades de espazo da dotación para formalizar o Convenio canto antes

A voceira municipal, Paula Alvarellos, explicou que a vontade do Executivo local é asinar no mesmo acto os acordos coa entidade bancaria e coa Xunta para cederlle a parcela.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Sanidade,
    • Urbanismo
Xoves, 14 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez anuncia que o Concello e Afundación xa están en disposición de permutar os terreos do Sagrado Corazón para destinalos a un novo centro médico

O Executivo de Lara Méndez anunciou esta mañá que o Concello de Lugo e Afundación xa se atopan en disposición de permutar os terros que anteriormente ocupaba o antigo colexio público do Sagrado Corazón por outros de titularidade municipal co obxectivo de que se poida construír neles un novo centro médico.

A voceira municipal, Paula Alvarellos, explicou que “esta mañá a área de Alcadía puxo en coñecemento da Consellería de Sanidade esta situación ao tempo que estudamos as necesidades que require acometer a actuación e que o Sergas cuantificou en 1.534 m²”.

A edil, titular da área de Patrimonio, referiu que “dende a entidade bancaria comunicaron nestes días a súa conformidade ao acordo, culminando así o proceso de negociación, de forma que se está ultimando o borrador para poder asinar canto antes o Convenio a tres bandas e que a Xunta dispoña á maior brevidade da parcela e á maior brevidade tamén, inicie a tramitación do proxecto”.

Alvarellos Fondo lembrou que o soar no que se asentaba o centro educativo abrangue unha superficie de 5.764’59 m², cuxa catalogación se corresponde, integramente, cun uso dotacional público.

“Entendemos que cumpre á perfección o cometido de albergar un centro de atención primaria acorde ás demandas da cidadanía no que se dará servizo a máis de 7.000 persoas, rematando coa precariedade das dependencias actuais que adoecen, entre outras eivas, dunhas condicións axeitadas de accesibilidade”, sinalou a concelleira que, antes de concluír, adiantou igualmente que o Concello avaliará á continuación que utilidade darlle á superficie sobrante.

Audio

  • A voceira municipal, Paula Alvarellos, sobre o convenio da Afundación e o Sagrado Corazón | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-executivo-de-lara-mendez-anuncia-que-o-concello-e-afundacion-xa-estan-en-disposicion-de

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/141223_paula_alvarellos_-_convenio_afundacion_sagrado_corazon.mp3