Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O edil de Medio Ambiente fai un chamamento ao civismo e pídelle á cidadanía respecto aos espazos públicos

O edil de Medio Ambiente fai un chamamento ao civismo e pídelle á cidadanía respecto aos espazos públicos

O parque Rosalía de Castro amenceu este venres cheo de sucidade e pintadas que se suman aos continuos danos que sofre o recinto.

Os actos de vandalismo, que o Concello trata de reparar con inmediatez, están a dar ao traste cos traballos de recuperación que o goberno de Lara Méndez desenvolve, dende hai meses, neste espazo para celebrar o centenario da súa creación.

Miguel Fernández anuncia que a Policía Local intensificará, aínda máis, a vixilancia na zona.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Protección da comunidade,
    • Urbanismo,
    • Normativa urbanística
Venres, 09 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O edil de Medio Ambiente fai un chamamento ao civismo e pídelle á cidadanía respecto aos espazos públicos

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, facía esta mañá un chamamento ao civismo instando á veciñanza, especialmente á mocidade, a compatibilizar o seu “ocio e creatividade” co respecto aos espazos públicos.

O edil relatou que esta mañá o Parque Rosalía de Castro – recén pintado e acondicionado - amenceu cheo de grafitti que danaron a fonte, o mirador, a balaustrada e diferentes muros do recinto “ocasionando importantes danos no mobiliario e nos elementos construtivos e ocasionando un custo ás arcas municipais que agora deberemos sufragar entre todas e todos para reverter o deterioro que supoñen este tipo de condutas máis que reprochables”.

O responsable de Medio Ambiente aproveitou para afear “o comportamento vandálico de quen atopa divertido estragar o patrimonio de todas e todos, nunha contorna emblemática da capital á que, precisamente, cómpre protexer e poñer en valor e non arruinar” e insistiu en “apelar á concienciación cidadá para evitar que no futuro se repitan situacións como a acontecida hoxe”.

Miguel Fernández referiu que xa se deu orde aos servizos de limpeza para que procedan á eliminación destas pintadas e anunciou que, a pesar de que a vixilancia e control da Policía Local nesta contorna se intensificou nos últimos meses cunha función disuasoria, agora se incrementará aínda máis.

O tenente de alcaldesa lamentou que “os ataques ao Parque de Rosalía de Castro son tan reiterados que mesmo están a comprometer o resultado dos traballos de recuperación que o goberno de Lara Méndez está a desenvolver neste espazo para conmemorar o centenario da súa construción”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-edil-de-medio-ambiente-fai-un-chamamento-ao-civismo-e-pidelle-cidadania-respecto-aos-espazos