Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O edificio Impulso Verde, promovido por Lara Méndez, protagonista un ano máis en CONAMA, o maior encontro ambiental do país

O edificio Impulso Verde, promovido por Lara Méndez, protagonista un ano máis en CONAMA, o maior encontro ambiental do país

Trátase da 2ª ocasión consecutiva na que Lugo é seleccionada para participar entre os grupos de expertos, esta vez baixo o título ‘Cara a un novo modelo de cidade’.

O inmoble lucense foi exemplo das políticas de descarbonización da edificación, que propoñen reducir o impacto ambiental durante todo o seu ciclo de vida.

Unha tese do profesor Antonio Lara sobre a cuberta Gridshell deste inmoble recibiu un accésit nos premios Margarita Salas de Investigación, da Comunidade de Madrid.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Medio ambiente,
    • Urbanismo
Xoves, 24 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O edificio Impulso Verde, promovido por Lara Méndez, protagonista un ano máis en CONAMA, o maior encontro ambiental do país

O edificio Impulso Verde, promovido polo Goberno de Lara Méndez, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, foi un dos protagonistas da 16ª edición do Congreso Nacional de Medio Ambiente (CONAMA 2022), que celebrou este xoves a súa cuarta e derradeira xornada, no Palacio Municipal IFEMA de Madrid. O inmoble lucense, situado na Garaballa, foi presentado durante a sesión ‘Descarbonización da edificación’ baixo o título ‘Edificio Impulso Verde. Cara a un novo modelo de cidade’.

Trátase da segunda ocasión consecutiva na que Lugo é seleccionada para participar e explicar os seus proxectos pioneiros no maior encontro ambiental do país. Así, a alcaldesa, Lara Méndez abordou xa na pasada edición as accións nas que está a traballar o executivo municipal para transformar a cidade e favorecer unha transición ecolóxica que protexa a saúde e o medio ambiente, poñendo o foco no desenvolvemento sostible a través de proxectos como o LIFE, onde a eficiencia enerxética e o uso da madeira como elemento estrutural son piares fundamentais.

Nesta edición, os participantes, profesionais do sector público, empresarial e social, puideron coñecer da man do profesor da UPM, Antonio Lara Bocanegra, o Impulso Verde, o primeiro edificio público de España construído íntegramente con madeira local. O proxecto municipal lucense serviu como exemplo das políticas de descarbonización da edificación, que propoñen reducir o impacto da edificación durante todo o seu ciclo de vida, e non só durante a fase de uso.

Neste senso, o Impuso Verde permitirá un aforro enerxético dun 74% con respecto aos edificios de oficinas existentes e dun 54% respecto aos de nova construción; e emitirá un 90% menos de CO2 respecto a os edificios de formigón e aceiro. Ademais, prevese que absorba unhas 280 toneladas de emisións, o que significa que está a axudar xa nunha alta porcentaxe a reducir o efecto invernadoiro.

CONAMA 2022

A 16ª edición de Conama congregou durante catro días a preto de 100 expertos que debateron temas de actualidade como a implantación das renovables, comunidades enerxéticas, descarbonización, biogás ou os residuos da baterías, ademais dos plans de adaptación ao cambio climático.

Celebrado cada dous anos desde 1992, o Congreso reúne a miles de profesionais do sector público, empresarial e social de nove eixos da sustentabilidade: enerxía e cambio climático, mobilidade, renovación urbana, biodiversidade, desenvolvemento rural, auga, calidade ambiental, residuos e economía e sociedade, poñéndose á cabeza da actualidade ambiental.

O lema deste ano foi “Protagoniza a transformación. É o momento” e con el buscouse lanzar unha mensaxe á sociedade para acelerar a transición ecolóxica, xa que asistimos este ano —non só en España senón en todo o mundo— a un verán de récords en ondas de calor, secas e inundacións.

Novo recoñecemento para o Impulso Verde

O Impulso Verde acadou recentemente un novo recoñecemento. Antonio Lara Bocanegra recibiu un accésit nos premios Margarita Salas de Investigación, na categoría de Ciencias Medioambientais,  pola súa tese doutoral sobre a cuberta Gridshell deste edificio municipal. A Comunidade de Madrid recoñece con estes galardóns aqueles traballos que sobresaen polo interese científico e social, o carácter innovador e a excelencia científica.

Lara é profesor da Universidade Politécnica de Madrid (UPM), entidade que xunto o Campus Terra e Pemade, da USC, é socia investigadora do Life Lugo+Biodinámico, estratexia cofinanciada con fondos europeos.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-edificio-impulso-verde-promovido-lara-mendez-protagonista-un-ano-mais-en-conama-o-maior