Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O derradeiro curso do IV Teateatre estudará a presenza do actor

O derradeiro curso do IV Teateatre estudará a presenza do actor

  • Tema
    • Igualdade
Venres, 22 de agosto de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A cuarta edición do Teateatre chega ao seu fin esta semana co último curso de formación dramática para profesionais e afeccionados dos tres ofertados. Este programa, desenvolvido entre os meses de xullo e agosto na cidade, pretende servir de foro de encontro, formación e creación para actores e amateurs do teatro.
O derradeiro curso, Estudo da presenza do actor. Construción da personaxe será impartido pola actriz e profesora do Movemento e Dramaturxia, Isabel Úbeda, entre os días 25 e 29 de agosto en horario de 9:00 a 13:00 horas ou de 16:00 a 20:00 horas no Centro Sociocultural de Fingoi.
Os outros cursos dos que constou a actual edición do Teateatre  desenvolvéronse baixo o título de O corpo da voz e Guión. Comeza a aventura. O director de escena e profesor de voz e linguaxe, Vicente Fuentes, impartiu o primeiro dos seminarios que se celebrou entre o 25 e o 29 de xullo, dedicando a quenda de mañá a traballar o corpo e a voz e a quenda de tarde á realización dun laboratorio de voz.
O segundo dos cursos foi impartido por Tatiana Rodríguez Vázquez, guionista de cine, televisión e teatro. Baixo o título Guión. Comeza a aventura explicou a principios do mes de agosto as técnicas para crear dende unha idea unha boa historia que contar e representar.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-derradeiro-curso-do-iv-teateatre-estudara-presenza-do-actor