Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Corpus dos Nenos comeza coa composición de Stravinski A historia do Soldado

O Corpus dos Nenos comeza coa composición de Stravinski A historia do Soldado

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Venres, 25 de abril de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Comezan os concertos en familia do Festival de Música Cidade de Lugo que este ano aumenta a súa oferta a tres actividades que terán lugar a media tarde doutros tantos sábados no Círculo das Artes. O Corpus dos nenos deste ano terá como protagonista a Igor Stravinski e comeza mañá, sábado 26 de abril, ás 18:00 horas cun espectáculo, musical e teatral, sobor dunha das obras máis coñecidas do compositor ruso, a Historia do soldado.

Esta proposta está dirixida musicalmente polo director galego formado en Roma Joam Trillo e escenicamente polo experimentado director teatral coruñés Xosé Manuel Rabón. Xuntos foron responsables da ópera Bastián e Bastiana que os nenos puideron ver no festival do ano pasado e este ano prepararon este novo espectáculo baseado en contos populares rusos aos que Stravinski puxo música en 1918. Unha mistura de música, teatro e danza que contará coa participación do actor Lino Braxe, o tenor Diego Neira e o barítono Luís Martínez.

Estes concertos pensados para que os nenos poidan acudir acompañados por toda a familia continuarán o sábado 10 de maio (día no que o violinista albanés Florian Vlashi descubrirá moitos aspectos da historia e o son do violín) e o sábado 24 de maio (cando a compañía de monicreques Viravolta e o Trío Quidam ofrecerán o espectáculo con música de Ermitas García Ríos titulado O paxaro de lume).


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-corpus-dos-nenos-comeza-coa-composicion-de-stravinski-historia-do-soldado