Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Consello de administración de Evislusa aproba as bases para a contratación da persoa que desempeñará o cargo de xerente

O Consello de administración de Evislusa aproba as bases para a contratación da persoa que desempeñará o cargo de xerente

  • Tema
    • Urbanismo
Venres, 02 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Salón de Plenos do Concello de Lugo acolleu esta mañá a sesión do Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo (EVISLUSA) presidida polo Alcalde, José López Orozco.

Nesta xuntanza aprobáronse as bases da convocatoria para a contratación da persoa que desempeñará o cargo de xerencia de Evislusa que se atopa vacante.

Segundo estas bases considerarase como requirimento imprescindible estar en posición dunha titulación universitaria de diplomado, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto- técnico ou enxeñeiro ou arquitecto superior.

O sistema de selección dos candidatos constará de dúas fases: un concurso de méritos no que se valorará o curriculum vitae segundo a súa experiencia laboral, formación académica e complementaria, así como o coñecemento da lingua galega, e unha entrevista na que se valorarán as aptitudes de dirección, organización, traballo en equipo e habilidades comunicativas. O candidato ou candidata que maior puntuación final obteña será o seleccionado para desempeñar o cargo.

A comisión cualificadora que elixirá ao novo ou nova xerente estará composto polos integrantes do Consello de Administración.

A presentación de solicitudes deberán presentarse no Rexitro de Evislusa, sito na rúa Quiroga Ballesteros, no prazo de 10 días naturais a partir da publicación da convocatoria en diferentes diarios.

Evislusa [1]


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-consello-de-administracion-de-evislusa-aproba-bases-para-contratacion-da-persoa-que

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.es/ws/evislusa/index.jsp