Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello vai instalar un novo circuíto biosaudable no parque Rosalía de Castro

O Concello vai instalar un novo circuíto biosaudable no parque Rosalía de Castro

  • Tema
    • Urbanismo
Xoves, 29 de setembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello instalará no parque Rosalía de Castro un novo circuíto biosaudable, o sexto da cidade, segundo anunciou o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, na rolda de prensa posterior a reunión que celebrou hoxe a Xunta de Goberno Local.

O Goberno local aprobou esta mañá abrir o procedemento de contratación para a subministración e instalación de conxuntos ximnásticos nun espazo do parque de Rosalía de Castro, financiado polo Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. A contía máxima do proxecto é de 55.155 euros e o prazo de entrega será como máximo de mes e medio.

Luis Álvarez explicou que o novo circuíto biosaudable atende unha demanda cidadá e forma parte da aposta que fai o goberno local para facilitar ós veciños, sobre todo ás persoas maiores, a posibilidade de facer exercicio ó aire libre nas zonas verdes da cidade.

O Concello leva investidos preto de 220.000 euros nos diferentes parques biosaudables instalados en diferentes puntos da cidade: en Albeiros, no Parque da Milagrosa, na Fonte dos Ranchos e na Carballeira de Fingoi. Proximamente poderase dispoñer do que se está construíndo no paseo interior da Muralla, con acceso dende a praza do Cantiño que está financiado con fondos do Plan Urban, e o do Parque Rosalía de Castro.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-vai-instalar-un-novo-circuito-biosaudable-no-parque-rosalia-de-castro