Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello súmase, tamén en 2021, á Hora do Planeta e apagará este sábado a iluminación ornamental da Muralla e da Casa Consistorial

O Concello súmase, tamén en 2021, á Hora do Planeta e apagará este sábado a iluminación ornamental da Muralla e da Casa Consistorial

Lara Méndez: “todas e todos debemos contribuír á defensa do medio ambiente e a salvagardar a saúde do noso planeta porque o que está en xogo é a nosa propia saúde e o benestar dos que máis queremos e das xeracións vindeiras”.

Esa mesma xornada o edificio do Concello, na Praza Maior, lucirá de amarelo para visibilizar e sensibilizar sobre a endometriose, no Día Mundial da doenza.

  • Tema
    • Medio rural,
    • Medio ambiente,
    • Consumo
Venres, 26 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello súmase, tamén en 2021, á Hora do Planeta e apagará este sábado a iluminación ornamental da Muralla e da Casa Consistorial

O Concello de Lugo sumarase, un ano máis, á Hora do Planeta, nun xesto simbólico que mantén dende o 2010 e co que, ademais de dar exemplo, quere crear conciencia social sobre a necesidade de conectar e ser máis respectuosos coa natureza.

Así, este próximo sábado, 27 de marzo, apagará entre as 20:30 e as 21:30 horas a iluminación pública da Casa Consistorial e tamén a ornamental da Muralla, reiterando o compromiso da institución pola sostibilidade e coa convocatoria promovida pola organización internacional WWT contra o cambio climático, o maior movemento global neste eido que conta co apoio das Nacións Unidas.

A alcaldesa, Lara Méndez, convida á veciñanza a adherirse á iniciativa cun pequeno gran aceno como apagar a luz unha hora esa tarde, co fin de que “todas e todos contribuïamos á defensa do medio ambiente, unha responsabilidade que nos incumbe e nos afecta, de forma xeral, como sociedade”, afirmou.

O 2021 está considerado como o inicio dunha década clave para a biodiversidade, cando terán lugar os Cumios de Kunmin o de Glasgow, e especialmente despois de comprobar como durante a pandemia a natureza é o principal soporte vital, capaz de brindarlle á humanidade todo aquelo que precisa para a súa supervivencia.

“Os concellos, como administración máis próxima á veciñanza, desenvolvemos, ao igual que noutras moitas facetas, un papel clave para impulsar o cambio cara a transición ecolóxica. Por iso, unha vez máis – subliñou a rexedora - queremos facer fincapé na importancia que ten coidar aquilo que nos rodea e salvagardar a saúde do noso planeta porque o que está en xogo é a nosa propia saúde e o benestar dos que máis queremos e das xeracións vindeiras”, destacou Lara Méndez.

A alcaldesa explicou tamén que, a excepción do tempo que dure esta Hora do Planeta, o edificio do Concello, na Praza Maior lucirá, esa xornada de cor amarela, a identificativa da propia doenza, para visibilizar a endometriose.

Unha enfermidade que afecta ao 10% das mulleres en idade fértil, ao redor de 60.000 galegas, e sobre a que se pretende sensibilizar, coincidindo coa celebración do seu Día Mundial e, en resposta á petición trasladada pola Asociación “querENDO. Mulleres con endometriose”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-sumase-tamen-en-2021-hora-do-planeta-e-apagara-este-sabado-iluminacion-ornamental