Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello substituirá os ollos de gato do Centro Histórico por pintura reflectora para mellorar a seguridade viaria

O Concello substituirá os ollos de gato do Centro Histórico por pintura reflectora para mellorar a seguridade viaria

A medida, que xa foi comunicada á Plataforma do barrio, responde a unha petición veciñal e ten por obxectivo conciliar a evolución dos traballos coas achegas trasladas á Alcaldía.

  • Tema
    • Obras en execución,
    • Urbanismo
Mércores, 12 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A área de Alcaldía do Concello de Lugo comunicou hoxe que nas vindeiras xornadas procederán a substituírse por pintura reflectora os ‘ollos de gato’ que se instalaron temporalmente para diferenciar a zona peonil do tránsito rodado no Centro Histórico mentres duren os traballos de peonalización da contorna.

Trátase dunha medida que responde á petición formulada pola Plataforma veciñal do barrio, coa que a Alcaldía mantén un contacto permanente para abordar aspectos concretos das obras durante a súa execución e así conciliar estes labores coas necesidades da veciñanza, mellorando o resultado final da transformación que se está levando a cabo en todo o ámbito.

Os ‘ollos de gato’ son elementos de prevención que se colocaron na fase inicial das obras como delimitadores entre o espazo destinado a viandantes e as áreas habilitadas para a circulación do tráfico co obxectivo de garantir a seguridade das e dos peóns. Unha función que pasará a cumprir agora a sinalización horizontal con pintura reflectora que non supón ningún tipo de barreira para a mobilidade. 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-substituira-os-ollos-de-gato-do-centro-historico-por-pintura-reflectora-para