O Concello retoma o 14 de xuño a fichaxe dixital do persoal municipal trala suspensión do Estado de Alarma e o devir da pandemia
Mentres a pegada dactilar estivo desactivada, como medida de prevención para evitar a propagación do Covid-19, o control horario levouse a cabo mediante a sinatura de partes diarios.
As e os traballadores tamén poden acreditar a súa asistencia nunha aplicación informática empregando un lector de pegada ou un código ou clave persoal.
- Tema
- Alcaldía,
- COVID-19
O Concello retomará, o próximo 14 de xuño, a fichaxe por pegada dactilar, do persoal municipal.
A decisión adóptase trala suspensión do Estado de Alarma e tendo en conta o devir da pandemia, logo de que o pasado mes de maio se aprobara tamén o retorno á actividade presencial.
Así, a partir do vindeiro luns, os funcionarios volverán rexistrar o inicio, remate e as pausas que fan durante a súa xornada laboral mediante a utilización dos reloxos táctiles habilitados nas dependencias municipais, aínda que tamén poden acreditar a súa asistencia nunha aplicación informática cun lector de pegada ou un código ou clave persoal.
O uso do dispositivo de lectura biométrica fora desaconsellado polo Servizo de Prevención como unha das medidas de contención fronte á Covid -19 co obxectivo de frear a propagación do virus.
Tempo no que, segundo indica a edil de Gobernanza, “o control horario se levou a cabo coa sinatura de partes diarios”.
Porén, abondou Paula Alvarellos, “dende o 14 de xuño todo o persoal estará de novo obrigado a reflexar, coa fichaxe, as entradas e saídas da súa quenda así como as diferentes ausencias momentáneas que realicen durante a mesma”. Un imperativo que era trasladado esta mesma mañá a través dunha circular e que, proximamente, se completará con outra na que figure o horario de verán.
A responsable de Recursos Humanos referiu igualmente que a medida “non só obedece á necesidade de que os e as funcionarias acrediten a relación dunha xornada mínima semanal de 35 horas de traballo efectivo para poder xustificar as gratificacións correspondentes á realización de horas extraordinarias, senón que esta ferramenta dá soporte igualmente á tramitación de permisos, vacacións etc.”