Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello reforza o seu compromiso cos gandeiros sumándose á plataforma galega en defensa do sector lácteo

O Concello reforza o seu compromiso cos gandeiros sumándose á plataforma galega en defensa do sector lácteo

O voceiro municipal esixe “solucións políticas inmediatas” que poñan fin á situación “insostible” que están a vivir as explotacións

No municipio funcionan máis de 200 ganderías de leite, que dan traballo de xeito directo a unhas 500 persoas, ás que se suman os empregos indirectos

  • Tema
    • Medio rural,
    • Protección do medio rural
Martes, 07 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A integración do Concello de Lugo na Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego reforza o “apoio e compromiso incondicionais” que sempre tivo o Goberno local cos gandeiros e as súas reivindicacións, subliñou este martes o voceiro municipal socialista e delegado de Medio Rural, Miguel Fernández, quen avanzou que a entidade local se sumará ás mobilizacións previstas polas organizacións sindicais. O concelleiro e a Alcaldesa, Lara Méndez, participaron na asemblea na que se constituíu onte en Santiago a plataforma galega en defensa do sector lácteo.

Miguel Fernández asegurou que “a improvisación e deixamento” do Goberno central e a Xunta ante a desaparición das cotas e en canto á aplicación efectiva do paquete lácteo están abocando ás explotacións de leite a unha “situación dramática”, con prezos “de miseria, que en moitos casos non cobren nin o 50% dos custes de producción, e coa ameaza mesmo de que lles suspendan a recollida do leite”. Deste xeito, o voceiro municipal esixiu “solucións políticas inmediatas” que poñan fin á situación “insostible” que están a vivir os gandeiros.

Piar económico

“Se morre o sector lácteo, morre o rural e esmorecen as cidades”, subliñou Fernández, consciente de que a producción de leite no concello e no resto da provincia “é un dos piares que sustenta a actividade económica” da cidade lucense.

No Concello de Lugo existen máis de 200 explotacións de vacún de leite, que dan emprego directo a unhas 500 persoas, segundo datos dos sindicatos agrarios. A estes empregos hai que sumarlle os indirectos, como veterinarios, xestorías, venda de maquinaria, empresas de transformación de leite, entre outros.

Audio

  • O voceiro, Miguel Fernández, sobre o apoio ao sector lácteo| Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-reforza-o-seu-compromiso-cos-gandeiros-sumandose-plataforma-galega-en-defensa-do

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/070715_apoio_sector_lacteo_miguel_fernandez.mp3