Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello redistribúe aos máis de 100 integrantes dos equipos de natación do Fluvial na piscina de Frigsa, para que poidan continuar adestrando

O Concello redistribúe aos máis de 100 integrantes dos equipos de natación do Fluvial na piscina de Frigsa, para que poidan continuar adestrando

A suba do río anegou parte das instalacións do club da Ponte, polo que a área de Deportes fixo as xestións necesarias para garantir que as e os nadadores poidan exercitarse.

Houbo que coordinar o uso destas instalacións municipais entre as e os usuarios dos distintos cursos, os do baño libre, e o uso dos clubs Porta Miñá e Waterpolo Lugo.

A actividade deportiva concéntrase nun dos vasos da piscina, polo que o resto de persoas que acoden ao baño libre non se viron afectadas.

  • Tema
    • Deportes,
    • Natación,
    • Instalacións deportivas
Xoves, 29 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello redistribúe aos máis de 100 integrantes dos equipos de natación do Fluvial na piscina de Frigsa, para que poidan continuar adestrando

A área de Deportes do Concello de Lugo redistribuíu aos máis de 100 integrantes dos equipos de competición de natación do Club Fluvial de Lugo, para que poidan continuar adestrando de cara as próximas competicións e campionatos que van disputar ao longo desta fin de semana e do mes de febreiro. A Concellería que dirixe Jorge Bustos realizou ditas xestións ante a suba do río Miño ao seu paso polo Fluvial, que anegou gran parte das súas instalacions, entre elas a piscina cuberta, onde adestraban os equipos de competición que militan en distintas categorías.

Dita actuación esixiu a redistribución de todos os usuarios desta piscina municipal, especialmente no que afecta ao horario de tarde, que é cando máis persoas acoden á instalación de Frigsa. Así houbo que coordinar a utilización dun dos vasos desta piscina, para o seu uso deportivo, tanto para as e os nadadores do Club Fluvial como para os doutros clubs que adestran habitualmente en Frigsa, o Porta Miña, tamén de natación, e o Waterpolo Lugo.

Neste sentido, Jorge Bustos sinalou que “foi un gran traballo redistribuír a todos estes nadadores e nadadoras do Club Fluvial para permitirlles adestrar. Son uns 100 deportistas que se suman aos preto de mil usuarios ao día desta piscina, sen afectar ás persoas que empregan esta instalación para o baño libre. Logramos esta redistribución para garantir os adestramentos, nunhas condicións que poden non ser as ideais, pero cumprindo unhas condicións aceptables, e reforzando ademais os servizos de limpeza en Frigsa”.

O responsable de Deportes sinalou ademais que “desde a nosa área temos que apoiar aos distintos clubs que adestran a diario para competir nos distintos campionatos e torneos autonómicos e nacionais; por iso tomamos esta medida, coa que garantir que os equipos do Fluvial que compiten nas categorías de promesas, benxamín, alevín, infantil, cadete, júnior e absoluta poidan continuar os seus adestramentos de cara ás súas próximas competicións”.

De feito, esta fin de semana, os equipos de natación dos clubs lucenses competirán no Campionato Galego alevín en Mos e na disputa da segunda xornada da liga Galega infantil, mentres que os seguintes fins de semana tamén disputará o Campionato Galego júnior-senior, o Galego infantil, e a IV Liga Galega benxamín, entre outros torneos.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-redistribue-aos-mais-de-100-integrantes-dos-equipos-de-natacion-do-fluvial-na