O Concello recibe a autorización da Xunta con novos condicionantes que esixirán dúas comprobacións sucesivas aos dous e cinco días de traslocar os mexillóns
A alcaldesa lembra o compromiso de celeridade adquirido polo Goberno autonómico e insiste en que “estes novos requisitos non evidencian a colaboración ofrecida”.
A rexedora sinala que a Xunta dispón da solicitude de traslocación dos moluscos dende inicios da semana, “e hoxe comunica unha resolución que suporá novos atrasos”.
Alvarellos pide ao Goberno autonómico que cumpra coa palabra dada e que aclare se “as e os lucenses poderán acceder ao río unha vez realizada a extracción dos bivalvos”.
- Tema
- Medio ambiente,
- Auga

O Concello de Lugo vén de recibir a autorización da Xunta de Galicia á traslocación dos 96 mexillóns na zona onde está prevista a instalación da rampla ao río, con novos condicionantes que esixirán dúas comprobacións sucesivas despois de pasados dous e cinco días da extracción dos moluscos. Se trata de novos requisitos, que segundo a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, “non evidencian a colaboración ofrecida pola Xunta de Galicia nin o compromiso de celeridade do que nos falaron”. Pola contra, a rexedora lembra que “a administración autonómica dispón da solicitude de traslocación dos moluscos dende inicios da semana e hoxe comunica unha resolución que suporá novos atrasos. “Trátase de un proceso administrativo que poderían ter resolto en horas e levamos case unha semana de espera”, lamentou Alvarellos.
En concreto, o informe da Xunta plantexa novos condicionantes ao traslado destas especies, sinalando que “realizaranse dúas revisións transcorridas polo menos 48-72 horas entre cada unha delas”, o que suporá novas prospeccións dous e cinco días despois da extracción dos mexillóns.
A rexedora, Paula Alvarellos, instaba esta mañá ao ente autonómico a cumprir co compromiso de celeridade que a propia directora xeral de Patrimonio Natural adquiriu con ela nunha reunión mantida xa no mes de xullo. “Estes novos condicionantes despois de ter este trámite paralizado durante cinco días non semella un xesto da cooperación que verbalmente nos brindaron, e redunda na discriminación á que durante tantos anos a Xunta leva sometendo á cidadanía lucense, principal damnificada por esta conduta, ao impedirnos poñer os medios para que a veciñanza poida acceder comodamente ao río para gozar do baño no Miño”, sinalou a alcaldesa, quen informou de que o Concello comunicou á Xunta a súa intención de realziar a traslocación o próximo luns día 26 de agosto.
O Executivo local incide en que trasladar os mexillóns a un punto próximo e habilitar a rampla e a zona de balizamento son labores que pódense facer en moi pouco tempo e con todas as garantías pero para iso é preciso que a Xunta cumpra a palabra dada”, ao tempo que lamentou que durante todos estes días a única comunicación da Xunta co Concello fose para reclamar a documentación que xa lles fora enviada pola propia Confederación – en alusión á concesión da autorización – así como os informes supletorios que a administración local lle enviou ao Órgano da Cunca para efectivizar ese permiso.
