Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello realiza melloras na rede viaria municipal das parroquias do rural

O Concello realiza melloras na rede viaria municipal das parroquias do rural

Miguel Fernández supervisou esta semana diferentes traballos que está levando a cabo a entidade local nos máis de 1.000 quilómetros de pistas das 54 parroquias

  • Tema
    • Medio rural,
    • Protección do medio rural
Sábado, 27 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello realiza melloras na rede viaria municipal das parroquias do rural

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou esta semana as obras que o Concello executa para mellorar a rede viaria municipal no rural. As actuacións consisten no acondicionamento con mestura asfáltica en quente en 780 metros dunha estrada da parroquia de Benade, que bordea ao núcleo de Airexe e que finaliza preto do núcleo de Fontes Novas, e en 2.380 metros doutro vial da parroquia de Adai, que atravesa os núcleos de Vilamaior e As Cancelas, e que remata nas proximidades do núcleo de Ferreiros.

En ambos casos, previamente limpáronse as cunetas e restableceuse a drenaxe lonxitudinal das pistas. Estes traballos, que contan cun orzamento de 114.000 euros, están subvencionadas polo Agader e favorecen a comunicación e a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural lucense.

Ademais, Miguel Fernández tamén se achegou ata a parroquia de San Xoán de Pena, onde a brigada municipal de obras está a realizar tarefas de limpeza de cunetas e recuperación de firmes, dentro do plan de bacheo que a entidade local está a acometer nos máis de 1.000 quilómetros de pistas das 54 parroquias.

Esta serie de actuacións responden a peticións da veciñanza e enmárcanse na decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños e veciñas.

Outras actuacións
O Concello tamén executará na parroquia de Pías o rego asfáltico do vial de acceso ao núcleo do Curutelo. Na parroquia de Lamas acometerá a reparación do firme e a limpeza de cunetas no lugar de A Portela, e en Teicelle, procederá á colocación dun caño de condución de auga e á instalación de bases para colectores de lixo.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-realiza-melloras-na-rede-viaria-municipal-das-parroquias-do-rural