Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello presenta unha tarxeta de benvida para facilitar aos visitantes o acceso á oferta turística e cultural de Lugo

O Concello presenta unha tarxeta de benvida para facilitar aos visitantes o acceso á oferta turística e cultural de Lugo

O soporte de sobremesa promocional, que se distribuirá no sector hostaleiro, permite acceder a un código QR onde se atopa unha Guía Cultural e Turística que reúne información sobre patrimonio, cultura, gastronomía, natureza e museos

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Museos e exposicións
Xoves, 20 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Con este soporte de benvida, cun saúda da alcaldesa, pretende facilitar que as persoas que chegan á cidade dispoñan desde o primeiro momento e cun só clic a información sobre os recursos que Lugo ofrece, desde o patrimonio e a cultura ata a gastronomía, a natureza ou os museos.

A tarxeta distribuirase entre os establecementos hostaleiros, reforzando o papel destes profesionais como primeiro punto de contacto cos visitantes e como prescritores da cidade.
O soporte presentouse nun encontro con empresarios do sector. A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou a importancia de seguir dando pasos para mellorar a experiencia turística e avanzar cara a un modelo que permita desestacionalizar as visitas e aproveitar todo o potencial de Lugo ao longo do ano.

“O desenvolvemento turístico ten unha importancia enorme para a economía da cidade e para a creación de emprego. Temos recursos, temos patrimonio e temos moitas posibilidades”, sinalou a alcaldesa.
Candia destacou tamén a necesidade de poñer en valor o conxunto dos recursos da cidade, ampliando a oferta máis alá dos grandes eventos e referentes xa consolidados, como o Arde Lucus ou o San Froilán, e apostando tamén por ámbitos como os museos, o patrimonio cultural, a gastronomía, a natureza ou o Lugo termal.

O Concello recolle as propostas do sector

O encontro serviu tamén para escoitar directamente as necesidades e propostas dos profesionais do sector, que trasladaron ao Concello cuestións como a necesidade de avanzar na desestacionalización turística, mellorar a coordinación e garantir unha información máis fluída entre o Concello e o sector.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego, presentou a iniciativa baixo o lema “Lugo está de moda” e puxo o foco na colaboración cos profesionais do sector para seguir mellorando o posicionamento turístico da cidade. “Temos que escoitar ao sector, porque é quen está en contacto diario cos visitantes e coñece de primeira man as súas necesidades”, sinalou.

O edil manifestou que a nova tarxeta de benvida e a Guía Cultural e Turística forma parte da aposta municipal para facilitar o acceso á información, mellorar a experiencia dos visitantes e conseguir que descubran máis Lugo durante a súa estancia, favorecendo tamén que a cidade sexa recomendada como destino turístico.
 
Audio
  • Agustín Gallego, sobre á oferta turística e cultural de Lugo | Descargar mp3 [1]
 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-presenta-unha-tarxeta-de-benvida-para-facilitar-aos-visitantes-o-acceso-oferta

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/corte_agustin_gallego.mp4