O Concello presenta o Circuíto Galego de Teatro Amador, que levará catro representacións ao Gustavo Freire
Achádego Teatro, Teatro Pesadelo, Rebuldeira Teatro e Tiruleque Grupo de Teatro actuarán os días 12, 13, 19 e 20 de setembro
- Tema
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural
Martes, 08 de setembro de 2026
Fonte:
Gabinete de Prensa

O Circuíto Galego de Teatro Amador é unha iniciativa organizada pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Amador) xunto con Achádego Teatro, coa colaboración do Concello de Lugo que ten por obxecto achegar o teatro aficcionado e fomentar que as agrupacións actúen fóra do seu entorno xeográfico habitual.
A programación desenvolverase durante dúas fins de semana consecutivas e permitirá ao público lucense achegarse a diferentes propostas de compañías e grupos de teatro galegos.
O ciclo contará con catro representacións no Auditorio Municipal Gustavo Freire, os días 12, 13, 19 e 20 de setembro, con entradas a 3 euros.
O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, destacou a importancia de manter este tipo de propostas dentro da programación cultural da cidade: “Desde a Concellaría de Cultura queremos seguir facilitando espazos para que as compañías poidan amosar as súas propostas e para que a cidadanía poida achegarse ao teatro”.
Vázquez puxo tamén en valor a participación de Achádego Teatro, que participa na organización do circuíto xunto con FEGATEA, e agradeceu o seu compromiso coa actividade teatral.
Entradas
As entradas teñen un prezo de 3 euros e poderán adquirirse no propio Auditorio Municipal Gustavo Freire o día de cada función, na oficina municipal de turismo na Praza do Campo ou a través do portal entradaslugo.es.
O programa
12 de setembro | 20.30 horas
ACHÁDEGO TEATRO – Profundando nas cousas da vida
Público familiar
A montaxe pon en escena pequenas historias de Cousas e outros relatos de Castelao. Nos seus contos, Castelao retrata a Galicia, a súa cultura e a súa realidade socioeconómica, así como os emigrantes, os maiores, os afogados no mar, os fachendosos e os nenos.
13 de setembro | 18.30 horas
TEATRO PESADELO – Xa é hora
Público adulto
Unha actriz fracasada agarda tras o pano o inicio da función. Unha visita inesperada, absurda e misteriosa fará que todo o mundo da protagonista dea un xiro. A obra é unha nova comedia de Teatro Pesadelo que aborda as miserias humanas e as precarias condicións das actrices e actores do noso país.
19 de setembro | 20.30 horas
REBULDEIRA TEATRO – Vermello
Público familiar
Unha peza de comedia e drama na que as vidas de Manuel Díaz, o médico dos pobres, Rafael de Vega, Franco e xente común se mesturan coa historia ficcional de Rebuldeira Teatro na Guerra Civil.
20 de setembro | 18.30 horas
TIRULEQUE GRUPO DE TEATRO – A conspiración da piolla
Público familiar
Unha comedia ambientada nun país imaxinario e na época actual, na que un comando contrario ao réxime existente prepara un atentado contra o tirano que goberna o país.
