Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello pon en marcha hoxe o programa de actividades para a mocidade "De nós depende"

O Concello pon en marcha hoxe o programa de actividades para a mocidade "De nós depende"

  • Tema
    • Igualdade
Martes, 06 de setembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo pon en marcha hoxe o programa de actividades para mozas/os “De nós depende” que se vai desenvolver ata o mes de outubro nos Centros de convivencia Uxío Novoneyra e María Balteira.

Este programa, que leva a cabo a Área de Benestar Social, Igualdade e Xuventude adícase a mozos e mozas con idades comprendidas entres os 12 e os 18 anos. Os asistentes aprenderán técnicas para aprender a relacionarse, de resolución de conflitos, motivación, fomento da autoestima, toma de decisións, expresión de opinións e técnicas de estudo, entre outras.

A programación para mozos con idades comprendidas entre 12 e 14 anos comeza hoxe e desenvolverase ata o día 4 de outubro. As actividades terán lugar martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas no Centro de convivencia Uxío Novoneyra.

No Centro de convivencia María Balteira terán lugar as actividades para mozos de 15 a 18 anos, que serán mércores e venres de 17.00 a 20.00 horas.

“De nós depende” é unha actividade de participación libre e gratuíta que conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta e da Secretaría de Estado de Inmigración e Emigración do Goberno de España.

As persoas interesadas deben acudir ó centro que lles corresponda segundo a súa idade os días de realización da actividade.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-pon-en-marcha-hoxe-o-programa-de-actividades-para-mocidade-de-nos-depende-0