Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello organiza unha nova edición de cursos de verán de educación vial

O Concello organiza unha nova edición de cursos de verán de educación vial

Mércores, 26 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, e o Director do Parque Infantil de Tráfico, José Reigosa, presentaron hoxe a Festa da Educación Viaria Cidade de Lugo e os novenos cursos de verán de educación viaria que organiza o Concello.

A Festa da Educación Viaria terá lugar o sábado no Parque Infantil de Tráfico López Mella de Lugo. As actividades terán lugar de 10 a 14 horas e pola tarde de 16.30 a 19.30. O programa inclúe a entrega dos premios do 9º Concurso de Debuxo de Educación Viaria, ás 12.30.

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, salientou que as obras presentadas ó certame de pintura, que é de ámbito galego tivo este ano unha calidade extraordinaria.

O Director do Parque Infantil de Tráfico, José Reigosa, explicou que haberá circuítos de karts, patinaxe, ciclomotores e tres pistas de scalextric, ademais das exposicións de debuxos participantes no certame e dos premiados en edicións anteriores. Tamén haberá unha exposición de vehículos de seguridade, da Garda Civil, Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e Cruz Vermella.

Tocante ós cursos de verán de educación viaria, a Concelleira indicou que o prazo de inscrición para tomar parte neles será do 1 ó 15 de xuño, a lista de admitidos farase pública o día 22 e os cursos desenvolveranse do 28 de xuño ó 23 de xullo. A clausura terá lugar o día 26 de xullo.

O Director do Parque Infantil de Tráfico sinalou que está previsto facer grupos por idades, de 8 e 9 anos, de 10 e 11 anos, de 12 a 14 anos e de 15 a 16, para adecuar as actividades á idade dos pequenos que participen nos cursos. Tamén está previsto que os grupos non pasen de 20 alumnos.

Pode consultar as bases, horarios e descargar a solicitude desde a sección de "Tramita na túa casa" [1]


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-organiza-unha-nova-edicion-de-cursos-de-veran-de-educacion-vial

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.es/cs/Satellite?c=tramiteAsset&cid=1227492260627&color=Rojo&idioma=gl&pagename=Lugo%2FtramiteAsset%2FLugoTramiteDetalle&tipoLetra=Texto1