O Concello organiza en oito parroquias as aulas abertas do verán para fomentar a conciliación no rural duns cen usuarios
A área de Cohesión Social e Territorial ofertará 500 horas de actividades, en horarios acordados coas e cos participantes, unhas cen nenas e nenos de entre 4 e 10 anos.
O programa desenvolverase nas escolas rurais de Bosende, Saa, Santa Comba, Calde, Pías, Piñeiro, O Burgo e San Xoán do Campo.
Ana González Abelleira sinala que “ademais de prestar apoio ás familias, esta iniciativa pretende promover o arraigo para as cativas e cativos do rural”.
- Tema
- Benestar social,
- Educación,
- Centros de ensino,
- Educación pública,
- Medio rural,
- Dinamización rural

Co obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral das familias que viven nas zonas rurais do municipio, a área de Cohesión Social e Territorial do Executivo de Paula Alvarellos volve poñer en marcha as aulas abertas do verán en varias parroquias do municipio. Así o explicou a responsable desta concellería, Ana González Abelleira, quen destacou que “co fin de fomentar esta conciliación, desde o Concello organizamos aulas abertas do verán en oito parroquias do rural, o que permitirá prestar axuda e apoio ás familias, e a uns cen usuarios e usuarias, ao tempo que promovemos o arraigo das nenas e nenos as súas parroquias”.
En total, a área de Cohesión Social e Territorial ofertará 500 horas de actividades, en horarios acordados coas e cos participantes, que en total serán unhas cen nenas e nenos de entre 4 e 10 anos. O programa se desenvolverá nas escolas rurais de Bosende, Saa, Santa Comba, Calde, Pías, Piñeiro, O Burgo e San Xoán do Campo, de forma que “ao mesmo tempo que prestamos apoio ás familias, promovemos o arraigo das cativas e cativos destas parroquias e poñemos en valor as escolas rurais do noso municipio”, explica González Abelleira.
A edil de Cohesión Social lembra que foi difícil “recuperar hai anos estas escolas unitarias e convertelas en centros de convivencia”, polo que unha vez logrado ese obxectivo, agora o Executivo de Paula Alvarellos quere “manter as actividades nestes núcleos, para que as familias do rural conten sempre con actividades, e de cara ao verán, coas mesmas facilidades á hora de conciliar o seu traballo coas vacacións estivais da crianza”.
Ao mesmo tempo que se oferta este programa para as persoas que viven nas parroquias rurais, Ana González Abelleira sinala que “fomentamos o arraigo e o apego polos núcleos rurais. Temos que dar as mesmas oportunidades e servicios que noutras zonas de Lugo para propiciar o asentamento da poboación e favorecer que os que viven nestas parroquias queiran quedar”.
Cada un dos grupos terá aproximadamente 12 participantes, polo que a oferta final se achega aos 100 pequenos e pequenas, aos que se lles ofrecerá entretemento lúdico e didáctico, sen esquecer os momentos de xogo e divertimento, para favorecer a socialización e o apego á zona na que viven.
Audio
- A edil de Cohesión Social e Territorial, Ana Abelleira, sobre as Aulas Abertas do Rural | Descargar mp3 [1]
