Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello oferta dous novos cursos gratuítos como alternativa de ocio para a mocidade lucense

O Concello oferta dous novos cursos gratuítos como alternativa de ocio para a mocidade lucense

Trátase dos cursos de Educación de Rúa e Ocio Inclusivo que terán lugar na Casa da Xuventude do 27 de febreiro ao 9 de abril, e do 15 de abril ao 20 de maio, respectivamente. Os interesados poden inscribirse na Casa da Xuventude

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Xuventude,
    • Prevención de drogodependencias
Martes, 23 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este martes dous novos cursos gratuítos que organiza o Concello, enmarcados dentro do programa +Xti de prevención no consumo de drogas, dirixidos aos mozos e mozas de Lugo. Trátase das actividades de Educación de Rúa e Ocio Inclusivo, que terán lugar na Casa da Xuventude do 27 de febreiro ao 9 de abril, e do 15 de abril ao 20 de maio, os sábados en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas e os venres de 16:30 a 20:30 horas e sábados de 10:00 a 14:00 horas, respectivamente.

“Coa organización destes talleres, o Concello busca ofrecer unha alternativa distinta aos rapaces para que empreguen o seu tempo de lecer na aprendizaxe de habilidades sociais, ao tempo que se relacionan con outros mozos da súa idade”, subliñou Basadre.

Grazas a estes talleres, os mozos e mozas poderán reflexionar sobre as funcións do traballo socioeducativo, así como tomar consciencia das súas áreas de intervención. Tamén terán a oportunidade de sensibilizarse coa diversidade, a través de actividades de inclusión.

Todos os interesados poden inscribirse na Casa da Xuventude, ata o xoves 25 de febreiro, para o curso de Educación de Rúa, e ata o 13 de abril para o de Ocio Inclusivo. A selección será por rigorosa orde de inscrición.

Estas dúas novas actividades súmanse a outras que o Concello ten programadas tamén dentro do programa +Xti. Trátase de actividades físicas, como o acrosport, un deporte que combina acrobacia e coreografía, hip-hop, breakdance, parkour, defensa persoalm a arte marcial wushu, zumba, adestramento físico, patinaxe en liña, tiro con arco ou tenis de mesa.

Máis información na web www.lugo.gal [1] ou no teléfono de atención cidadá 010.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre os dous novos cursos gratuítos que organiza o Concello |Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-oferta-dous-novos-cursos-gratuitos-como-alternativa-de-ocio-para-mocidade-lucense

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.gal
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/230216_basadre-cursos-xti.mp3