Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello obtén o visto bo de Patrimonio Cultural ao proxecto de recuperación da columna que decora a balaustrada do parque Rosalía

O Concello obtén o visto bo de Patrimonio Cultural ao proxecto de recuperación da columna que decora a balaustrada do parque Rosalía

Unha vez notificada a autorización, a área de Transición Ecolóxica licitará canto antes a obra de arranxo deste elemento tan significativo, que terá un prazo de execución dun mes.

O proxecto, de acordo co Plan Director, contempla a rehabilitación da columna de alumeado, de estilo art déco, e de parte da balaustrada circundante do miradoiro.

A restauración da columna, de case un século de antigüidade, se suma a outras actuacións de conservación e posta a punto levadas a cabo neste emblemático espazo.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Venres, 28 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo obtivo esta mañá o visto bo do Consello Territorial de Patrimonio Cultural ao proxecto de recuperación da columna que decora a balaustrada do Parque de Rosalía de Castro, un dos elementos máis característicos deste espazo, de estilo art déco e de case un século de antigüidade. Unha vez obtida a autorización, a área de Transición Ecolóxica licitará canto antes a obra de arranxo, nun proxecto que, de acordo co Plan Director, contempla ademais a rehabilitación de parte da balaustrada circundante do miradoiro do parque. Segundo recolle o proxecto, o prazo de execución para acometer estes traballos será dun mes.

A columna, que foi danada despois de que un conductor chocara o seu vehículo contra este farol da balaustrada, ten uns tres metros de altura. A intervención reparará este elemento ademais de parte da balaustrada, conservando o estilo e a tipoloxía propias, e seguindo o mesmo criterio empregado na restauración da pérgola. Entre outros aspectos, estes traballos contemplan a limpeza, o reforzo e a protección do aceiro, ao que seguirán os procesos de imprimación, aplicación do recheo e dun tratamento protector.

Todas estas actuacións se inclúen no plan de renovación e conservación do parque, que o Executivo de Paula Alvarellos está a acometer desde principios de ano, e que supuxo a limpeza de pintadas e grafitis da balaustrada; arranxo de mobiliario urbano; acondicionamento do firme dos paseos interiores do parque; e actuacións no parque infantil, na ponte sobre o estanque, nas fontes e no aseo, entre outras.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-obten-o-visto-bo-de-patrimonio-cultural-ao-proxecto-de-recuperacion-da-columna-que