Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello intensificará este martes a vixilancia policial en Frigsa para garantir que a nova organización do mercadiño se implante sen incidencias

O Concello intensificará este martes a vixilancia policial en Frigsa para garantir que a nova organización do mercadiño se implante sen incidencias

A medida, de carácter preventivo, coincide coa entrada en vigor dos cambios decretados pola área de Participación Cidadá sobre a distribución das e dos vendedores autorizados.

Dende as 7 da mañá, 4 patrullas de Policía Local controlarán tanto a montaxe das instalacións como o desenvolvemento da actividade ata a súa finalización.

  • Tema
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade,
    • Mercados,
    • Urbanismo
Luns, 22 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello intensificará este martes a vixilancia policial en Frigsa para garantir que a nova organización do mercadiño se implante sen incidencias

A Policía Local de Lugo levará a cabo este martes un dispositivo especial de vixilancia no mercadiño de Frigsa coincidindo coa entrada en vigor dos cambios decretados pola área de Participación Cidadá sobre a distribución dos diferentes postos que o integran.

Así, varias dotacións deste Corpo controlarán que a nova organización das e dos comerciantes autorizados para a venda nestas instalacións non supoña un foco de conflito entre os mesmos, ao tempo que disuadirán de que se propicien altercados por parte das persoas que non obtiveron o preceptivo permiso.

Deste xeito, dende a apertura do recinto, ás 7 da mañá, en torno a unha decena de axentes intensificarán a supervisión en toda a zona para verificar que a montaxe e toda a actividade, ata a súa finalización, transcorra con absoluta normalidade e sen incidentes.

A medida, de carácter preventivo e coordinada pola Alcaldía e os mandos da Policía Local, pretende garantir en todo momento a seguridade cidadá e o correcto desenvolvemento dun mercado con moito arraigamento na capital que aglutina unha elevada concorrencia de público e de vendedores e vendedoras.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-intensificara-este-martes-vixilancia-policial-en-frigsa-para-garantir-que-nova