Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello inicia os trámites para ampliar o número de licenzas de taxi en Lugo e abre unha liña de axudas para o mantemento dos vehículos adaptados

O Concello inicia os trámites para ampliar o número de licenzas de taxi en Lugo e abre unha liña de axudas para o mantemento dos vehículos adaptados

  • Tema
    • Protección da comunidade,
    • Transporte,
    • Urbanismo
Luns, 28 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello inicia os trámites para ampliar o número de licenzas de taxi en Lugo e abre unha liña de axudas para o mantemento dos vehículos adaptados

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, informou que o Concello de Lugo iniciará os trámites para ampliar o número de licenzas de taxi na cidade e, ao mesmo tempo, puxo en marcha unha liña de axudas destinada ao mantemento dos vehículos adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida. As dúas medidas buscan reforzar a oferta e mellorar a prestación dun servizo esencial para a mobilidade na cidade.

Na actualidade, Lugo conta con 68 licenzas de taxi operativas. Neste contexto, o Concello iniciou o procedemento para analizar e tramitar a ampliación do número de licenzas.

A alcaldesa explicou que convocará a mesa de negociación coa Asociación de taxistas para abordar e consensuar a ampliación de licenzas.

Ademais, entre os asuntos abordados na Xunta de Goberno Local figura a convocatoria de axudas para o mantemento de taxis adaptados, cunha dotación total de 9.000 euros. Actualmente, Lugo conta con tres vehículos de taxi adaptados, polo que esta liña ten como finalidade apoiar o mantemento destes vehículos e contribuír a garantir un servizo accesible para as persoas con mobilidade reducida.

A axuda máxima será de 3.000 euros por solicitude e estará destinada a sufragar parcialmente gastos dos vehículos, entre eles o combustible, os seguros e outros gastos de mantemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

As persoas beneficiarias deberán prestar o servizo adaptado durante toda a súa quenda de traballo, incluídos os horarios nocturnos, as fins de semana e os festivos.

O conxunto das subvencións non poderá superar o 90 % do custo da actividade, polo que o 10 % restante deberá ser asumido pola persoa beneficiaria. As bases permiten tamén solicitar un anticipo do 50 % da axuda, sen garantía, e establecen como data límite para a xustificación o 29 de xaneiro de 2027.

En materia de obras

A Xunta de Goberno Local abordará tamén dous proxectos modificados de obras que xa están en execución. Por unha banda, aprobará o modificado do Carril das Flores, que mantén a execución a cargo de Construcciones Sanle Lugo, SL, cun prezo total de 451.451,67 euros, IVE incluído. A modificación, por 112.206,23 euros, responde ás condicións detectadas durante as demolicións, entre elas a necesidade de independizar a estrutura do edificio residencial dos números 14, 16 e 18, a aparición de canalizacións soterradas non previstas e a posición do muro orixinal de Montero Ríos. O prazo total mantense en nove meses, coa finalización prevista para o 10 de outubro de 2026.

Por outra banda, proponse aprobar o modificado da renovación integral da pista de atletismo do estadio Gregorio Pérez Rivera, que eleva o contrato ata os 549.341,50 euros, IVE incluído, cun incremento de 66.011,07 euros. O novo proxecto incorpora, entre outras actuacións, un sistema de recollida perimetral de area nos fosos de salto, a conservación e reinstalación da gaiola de lanzamentos como gaiola de adestramento, un novo desaugadoiro no foso da ría dos 3.000 metros obstáculos e a limpeza integral das canaletas de drenaxe. Tamén se propón unha ampliación dunha semana no prazo, ata o 12 de outubro de 2026.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación a Ogalia Contratas, SLU das obras de pavimentación e mellora dos viarios de Santa María de Muxa, por 139.634 euros, IVE incluído, e cun prazo de execución de catro meses. A empresa ofrece ademais unha garantía total de cinco anos.

En materia de persoal

En materia de persoal, a Xunta de Goberno Local abordará, fóra da orde do día, a designación do tribunal cualificador do proceso selectivo para cubrir 17 prazas de bombeiro/a condutor/a, correspondentes ás ofertas de emprego público de 2023, 2024 e 2025, co obxectivo de avanzar na cobertura de prazas estruturais do servizo de extinción de incendios.

Mantemento de calefacción e climatización

A Xunta de Goberno Local aprobará o expediente para contratar o mantemento das caldeiras e dos sistemas de calefacción e climatización dos edificios municipais, cun orzamento de 109.790,56 euros, IVE incluído. O contrato terá unha duración inicial dun ano, con posibilidade de prórroga ata un máximo de dous anos.

Renovación das licenzas antivirus

Tamén se adxudicará a Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España, SAU a renovación das licenzas antivirus dos ordenadores, servidores e terminais Android do Concello, por 33.496,76 euros, IVE incluído. O contrato inclúe a renovación de Cytomic Endpoint Protection Plus e cinco anos de soporte, sen prórrogas.

Transporte metropolitano

A Xunta de Goberno Local convalidará o recoñecemento dunha obriga de 4.758,07 euros correspondente á achega municipal ao transporte metropolitano de Galicia (anos 2024 - 2025, para regularizar o gasto derivado do convenio. A alcaldesa tamén anunciou que se convocará a comisión de seguimento do transporte metropolitano para aportar achegas que melloren a conectividade do municpio.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-inicia-os-tramites-para-ampliar-o-numero-de-licenzas-de-taxi-en-lugo-e-abre-unha