Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello habilitará prazas exprés de aparcadoiro na contorna das farmacias co programa piloto “Punto Farmacia”

O Concello habilitará prazas exprés de aparcadoiro na contorna das farmacias co programa piloto “Punto Farmacia”

A iniciativa, acordada co Colexio Oficial de Farmacéuticos, a Policía Local e os servizos municipais de Mobilidade, arrancará na farmacia que presta servizo as 24 horas en Lugo, em Ramón Ferreiro, e posteriormente estenderase a outras localizacións

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Protección da comunidade
Luns, 28 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello habilitará prazas exprés de aparcadoiro na contorna das farmacias co programa piloto “Punto Farmacia”

O Concello de Lugo porá en marcha un programa piloto para habilitar prazas de estacionamento de duración limitada (entre 10 a 20 minutos) na contorna das farmacias, baixo a denominación de “Punto Farmacia”, co obxectivo de facilitar o acceso ao medicamento ás persoas que o precisan.

A iniciativa foi acordada co Colexio Oficial de Farmacéuticos, a Policía Local e os servizos municipais de Mobilidade e terá unha primeira implantación na farmacia situada na avenida de Ramón Ferreiro número 3, que presta servizo as 24 horas, posteriormente se estenderá a outras localizacións.

A medida parte da necesidade de facilitar o acceso ao medicamento como ben de primeira necesidade, especialmente para persoas con dificultades de desprazamento, persoas que atenden a familiares ou persoas dependentes e aquelas que precisan realizar unha dispensación urxente.

Damos cumprimento a un acordo plenario

O 25 de abril de 2024, o Pleno do Concello de Lugo aprobou por unanimidade estudar a reserva de prazas de aparcadoiro de duración limitada nas inmediacións das farmacias, a partir dunha proposta do Grupo Municipal do Partido Popular consensuada co Colexio Oficial de Farmacéuticos. A iniciativa tiña como finalidade facilitar á cidadanía o acceso ao medicamento de maneira rápida.

Agora, desde o Goberno local, damos un paso máis para facer realidade aquel acordo, co traballo conxunto do Colexio Oficial de Farmacéuticos, a Policía Local e os servizos municipais de Mobilidade e coa posta en marcha do programa piloto “Punto Farmacia”.Un programa piloto que se avaliará durante seis meses

A primeira praza terá carácter de proba piloto, cun período de avaliación de seis meses. Durante este tempo analizaranse indicadores como o número de denuncias por uso indebido, as posibles incidencias de circulación no entorno e a valoración da propia farmacia e das persoas usuarias.

O Punto Farmacia estará reservado exclusivamente aos vehículos cuxos ocupantes acudan á oficina de farmacia sinalizada. O informe da Policía Local establece que se trata dun estacionamento de duración limitada, e non dunha parada.

A sinalización identificará estas prazas como “Punto Farmacia”, tanto mediante sinalización vertical como mediante unha delimitación específica sobre o pavimento co símbolo da cruz farmacéutica.

Unha vez avaliado o funcionamento da primeira experiencia, o Concello estudará xunto co Colexio de farmacéuticos, policía local e concellalía de mobilidade, a súa extensión a outras farmacias e localizacións que cumpran os criterios técnicos establecidos.

 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-habilitara-prazas-expres-de-aparcadoiro-na-contorna-das-farmacias-co-programa