O Concello fomenta o interese pola ciencia entre os máis cativos cun programa educativo que percorrerá 24 colexios da cidade
Este martes arrincaron as actividades do programa Ciencia en Ruta, que terá lugar ata o vindeiro mes de xuño. Cada centro pode escoller entre 5 obradoiros científicos
- Tema
- Educación,
- Centros de ensino
Este martes deu comezo o programa educativo Ciencia en Ruta, que organiza o Concello de Lugo co obxectivo de fomentar o interese pola ciencia entre os máis cativos. Así o deu a coñecer o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, que explicou que este programa percorrerá 24 colexios da cidade ata o vindeiro mes de xuño.
Cada centro poderá escoller entre cinco obradoiros científicos, en función dos que mellor se adapten á súa programación, xa que contemplan distintas temáticas, como submarinos, foguetes e sistema solar, así como biodiversidade ou dixestión. Nestes obradoiros traballarán diferentes conceptos adaptados para educación infantil e primaria, tendo en conta que un dos valores engadidos é que apostan polo coñecemento da realidade científica galega.
Este programa pretende achegar aos alumnos e profesores unha serie de actividades nas que, a través de conceptos concretos e experiencias reais, poñan en práctica a resolución creativa de problemas. Ademais busca fomentar a argumentación e o traballo en equipo dun xeito integrado e entretido sen necesidade de saír dos seus centros escolares.