Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello facilita a busca de traballo aos desempregados lucenses con 5 novas xornadas de formación gratuítas

O Concello facilita a busca de traballo aos desempregados lucenses con 5 novas xornadas de formación gratuítas

Amosarán como realizar un currículo, buscar emprego a través das redes sociais e do portal europeo Rede Eures e superar con éxito as probas de selección de postos de traballo, sobre todo, as entrevistas

O prazo de inscrición nas xornadas formativas está aberto dende mañá e ata o 7 de xuño. Para anotarse é preciso enviar o formulario de solicitude a espazolab@concellodelugo.org [1] ou entregalo no propio Espazo Lab

A Concellaría de Economía organiza esta actividade no marco do seu compromiso por favorecer a inserción laboral e a creación de emprego

  • Tema
    • Emprego,
    • Políticas activas de emprego
Luns, 22 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo organizou para o mes de xuño cinco novas xornadas gratuítas de formación e prácticas co fin de facilitar aos desempregados e desempregadas lucenses a busca dun posto de traballo. Esta nova iniciativa, que impulsa a Concellaría de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, dirixida por Ana Prieto, no marco da VI Semana Europea do Emprego, responde ao compromiso do Goberno local coas políticas de inserción laboral e creación de emprego dado que, aínda non sendo unha competencia municipal, senón do Estado e da Xunta, “sabemos que é un grave problema para miles de lucenses que queren traballar e non poden, polo que, dentro das nosas posibilidades, impulsamos iniciativas que abran novas portas á inserción, ben a través da formación, como é o caso destes obradoiros, ou ben con plans de emprego ou con programas para fomentar o emprendemento como os que temos en marcha a día de hoxe”, subliñou Prieto.

Os obradoiros para a busca de emprego e as datas nas que se impartirán son os seguintes:

  • Como realizar un currículo atractivo. Día 12 de xuño.
  • Marca persoal e busca de emprego a través das redes sociais. Día 13.
  • Probas para a selección de postos de traballo. Día 14.
  • A Rede Eures. O portal de busca de emprego de Europa. Día 15.
  • Como realizar con éxito unha entrevista de traballo. Día 16.

O horario no que se impartirán é de 10:00 a 13:00 horas.

As prazas son limitadas, polo que os interesados deberán anotarse canto antes. O prazo de inscrición está aberto dende mañá e ata o 7 de xuño. Para apuntarse é preciso enviar cuberta unha ficha de solicitude –que se pode descargar na web do Concello (www.lugo.gal [2])- a espazolab@concellodelugo.org [1] ou ben entregala nas propias instalacións do Espazo Lab, o Centro de Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo. Máis información, nos números de teléfono 982.297.361 ou 982.297.473, ou ben no 010.

Audio

  • Ana Prieto, Xornadas gratuítas busca de emprego | Descargar mp3 [3]

+ info

  • Ficha inscrición | Descargar pdf [4]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-facilita-busca-de-traballo-aos-desempregados-lucenses-con-5-novas-xornadas-de

Ligazóns:
[1] mailto:espazolab@concellodelugo.org
[2] http://www.lugo.gal/
[3] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/220517_xornadas_gratuitas_busca_de_emprego_ana_prieto.mp3
[4] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/ficha_inscripcion.pdf