Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello esixe á Xunta que desbloquee sen máis demora o proxecto hidráulico de Esperante

O Concello esixe á Xunta que desbloquee sen máis demora o proxecto hidráulico de Esperante

O Goberno local reafirma o seu compromiso firme coa actuación comprometida coa veciñanza e reclama á Xunta unha decisión inmediata para facer viable o proxecto.

A Xunta leva recadados arredor de 15 millóns de euros do canon da auga pagado polos lucenses sen un retorno proporcional en investimentos hidráulicos para Lugo e o seu rural.

“Non se pode reformular un proxecto sobre a marcha, incrementar notablemente o seu custo e manter despois a actuación paralizada na indefinición. Esperante merece respostas e merece solucións”, advertiu Miguel Fernández.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento local,
    • Infraestruturas,
    • Auga,
    • Urbanismo
Luns, 27 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello esixe á Xunta que desbloquee sen máis demora o proxecto hidráulico de Esperante

O Concello de Lugo esixe á Xunta de Galicia que desbloquee sen máis demora o proxecto hidráulico de Esperante e que concrete dunha vez cal vai ser o seu compromiso real para facer viable unha actuación prioritaria para a parroquia, despois de varios anos de tramitación, cambios introducidos sobre o proxecto inicial e unha indefinición continuada que segue atrasando unha infraestrutura básica para a veciñanza.

“Hai unha realidade incontestable: os lucenses levan anos pagando o canon da auga e a Xunta leva recadados arredor de 15 millóns de euros sen que ese esforzo económico tivera un retorno proporcional en investimentos hidráulicos para Lugo. Se hai vontade política, hai marxe económica para actuar”, subliñou o alcalde, Miguel Fernández.

O rexedor lembrou que foi o Concello quen impulsou e presentou no ano 2022 o proxecto inicial para dotar a Esperante dunha solución definitiva en materia de saneamento, baixo o modelo de colaboración entre administracións co que historicamente se desenvolveron actuacións semellantes, asumindo Lugo a parte correspondente do investimento e coa expectativa de que a Xunta fixese o propio. Tras a presentación dese proxecto, Augas de Galicia trasladou unha primeira batería de requirimentos técnicos que foron atendidos polo Concello, que deu resposta ás observacións formuladas coa vontade de seguir avanzando no expediente e facilitar a execución da actuación.

Posteriormente, a Xunta remitiu novos requirimentos técnicos que seguían incidindo sobre o proxecto inicial. Porén, foi no marco das reunións mantidas a partir de finais de 2024 para tratar de desbloquear definitivamente a actuación cando se produciu un cambio substancial no escenario: a administración autonómica puxo sobre a mesa unha reformulación do proxecto incorporando tamén actuacións de abastecemento que non formaban parte nin da proposta inicialmente presentada nin do compromiso trasladado á veciñanza.

Esa modificación, que o Goberno local considera positiva no obxectivo de ampliar servizos para o rural lucense, supuxo tamén elevar de maneira moi significativa o volume económico da actuación, pasando dun proxecto inicialmente cifrado arredor dos dous millóns de euros a unha actuación próxima aos 3,9 millóns, o que altera por completo o marco económico inicialmente previsto e introduce novas obrigas financeiras que nunca foran acordadas previamente.

“Nós sempre estaremos do lado de sumar servizos para o rural, tamén no abastecemento, porque iso significa mellorar a calidade de vida da veciñanza. Pero o que non pode facer a Xunta é introducir unilateralmente unha ampliación desta magnitude, duplicar practicamente o custo do proxecto e non aclarar ao mesmo tempo como pensa asumir esa nova realidade económica”, incidiu Miguel Fernández.

Neste sentido, o Concello considera que se a Xunta aposta por ampliar o alcance inicial da actuación, incorporando novas obras e novos compromisos inversores, debe tamén concretar de maneira inmediata o modelo de financiamento dese novo escenario, especialmente cando dispón de marxe suficiente para facelo a través dos recursos procedentes do canon da auga que pagan os lucenses e que, ata o de agora, non tiveron unha reversión proporcional no municipio.

“O Concello cumpriu, mantén firme o seu compromiso con Esperante e seguirá defendendo que esta actuación saia adiante. Agora é a Xunta quen ten que decidir se quere desbloquear de verdade este proxecto ou seguir instalándoo nun limbo administrativo que só prexudica aos veciños e veciñas”, concluíu o alcalde.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o proxecto hidráulico de Esperante | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-esixe-xunta-que-desbloquee-sen-mais-demora-o-proxecto-hidraulico-de-esperante

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/042726_audio_o_concello_esixe_a_xunta_que_desbloquee_sen_mais_demora_o_proxecto_hidraulico_de_esperante.mp4