O Concello distribúe entre a veciñanza máis de 500 bolsas do compost xerado nos centros de compostaxe comunitaria de Lugo
A campaña permite devolver á cidadanía un compost de máxima calidade, elaborado a partir da materia orgánica reciclada nos catro composteiros que funcionan na cidade desde hai máis dun ano.
O produto, certificado como Tipo A (a máxima categoría establecida pola normativa en materia sanitaria e de calidade agronómica), distribuirase en diferentes puntos da cidade e poderá recollerse tamén posteriormente na oficina de EcoLugo.
“Este reparto exemplifica o modelo de economía circular polo que apostamos en Lugo: transformar un residuo nun recurso útil, de proximidade e de máxima calidade que retorna directamente á veciñanza”, destaca o alcalde, Miguel Fernández.
- Tema
- Benestar social,
- Medio ambiente,
- Residuos

O Concello de Lugo continúa avanzando na consolidación do seu modelo de xestión sostible dos biorresiduos coa distribución entre a veciñanza de máis de 500 bolsas de compost, de entre 1,5 e 2 quilos, elaboradas nos catro Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC) en funcionamento na cidade. En total, nesta primeira produción obtívose máis dunha tonelada de compost, un produto natural de alta calidade que foi analizado e certificado como Tipo A, a máxima categoría establecida pola normativa en materia sanitaria e de calidade agronómica.
“Falamos dun exemplo claro de como a reciclaxe ben feita ten un retorno directo para a cidade. A materia orgánica que a veciñanza separa correctamente convértese nun compost excelente, útil para hortas, xardíns e espazos verdes, pechando o ciclo natural dos residuos e reforzando un modelo de cidade máis eficiente, máis limpa e máis sostible”, salientou o rexedor, Miguel Fernández.
Os centros de compostaxe comunitaria, situados en Angelo Colocci, San Fiz, Fonte dos Ranchos e Vila Verde, levan máis dun ano integrados na estratexia municipal de valorización da materia orgánica, ofrecendo unha alternativa de reciclaxe de proximidade para aquelas persoas que non dispoñen de espazo para compostar na súa propia vivenda. Cada unha destas áreas conta con módulos de achega de residuos orgánicos e cun sistema de seguimento técnico continuado por parte dos mestres composteiros de EcoLugo, encargados de supervisar semanalmente parámetros como a temperatura, a humidade, a aireación e o proceso de volteo, garantindo así unha descomposición eficiente e a obtención dun compost de excelente calidade.
O resultado dese proceso é o compost que agora se pon á disposición da cidadanía a través desta campaña de reparto, que comezou o pasado 28 de abril coa instalación de carpas informativas na Praza da Milagrosa e en Augas Férreas, e continuará hoxe, 29 de abril, con novos puntos de entrega na Praza Maior, en horario de 10:30 a 13:30 horas, e en Fonte dos Ranchos, de 16:00 a 19:00 horas. Nestes espazos, ademais da entrega das bolsas, facilítase información sobre o funcionamento do sistema de compostaxe comunitaria e sobre a importancia da correcta separación da materia orgánica como peza clave na transición cara a un modelo máis circular.
Esta iniciativa inscríbese na folla de ruta que o Concello vén desenvolvendo nos últimos anos para mellorar a xestión dos residuos, e que está a dar resultados moi positivos. No balance presentado recentemente correspondente a 2025, Lugo consolidou o aumento da reciclaxe, cun incremento interanual do 4,14% na recollida de envases lixeiros, do 5,01% en papel e cartón e do 3,32% en vidro, ao tempo que a fracción resto por habitante continuou descendendo, confirmando unha mellora sostida nos hábitos de separación dos residuos por parte da veciñanza.
A distribución do compost continuará ata esgotar existencias, tanto nas carpas informativas habilitadas para a campaña como posteriormente na oficina de EcoLugo, situada na Rúa Clérigos, 7, onde as persoas interesadas poderán recoller as bolsas dispoñibles en horario habitual de atención ao público.
