Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo volve reclamarlle á Xunta que cumpra os seus compromisos con Lugo e constrúa o Museo da Romanización

O Concello de Lugo volve reclamarlle á Xunta que cumpra os seus compromisos con Lugo e constrúa o Museo da Romanización

López Orozco destaca que o Concello segue esperando a achega de Cultura para a consolidación do deteriorado Cuartel de San Fernando e reivindica que “se hai tantos brotes verdes, reserven partidas para o Museo da Romanización de Lugo”

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Urbanismo
Xoves, 23 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo volve reclamarlle á Xunta que cumpra os seus compromisos con Lugo e constrúa o Museo da Romanización

O Alcalde, José López Orozco, esixiulle hoxe á Xunta de Galicia que cumpra co seu compromiso de crear en Lugo o Centro Galego da Romanización, para o que convocou e fallou no seu día un concurso de ideas.  

O Alcalde reiterou esta demanda do Concello de Lugo ó Goberno galego nunha rolda de prensa que ofreceu acompañado polo Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, e na que reclamou a inclusión do proxecto de Museo da Romanización nos Presupostos da Xunta para o ano que vén.

“Se é verdade que hai tantos brotes verdes, que pensen na nosa cidade e reserven partidas para o Museo da Romanización de Lugo no menor tempo posible”, salientou o Alcalde.

López Orozco tamén lle reclamou á Consellería de Cultura que, mentres non fai fronte ó compromiso contraído con Lugo, polo menos cumpra coa achega económica que tamén prometeu para colaborar co Concello achegando a metade dos cartos necesarios para frear o continuado deterioro que está a sufrir o Cuartel de San Fernando, un edificio que ten a consideración de Ben de Interese Cultural e que se vén abaixo malia ás reiteradas advertencias do Concello sen que a Xunta se digne a intervir.

López Orozco lembrou que o Concello de Lugo fíxose cargo da redacción do proxecto para as obras imprescindibles para o mantemento do inmoble. Esas obras de consolidación do Cuartel de San Fernando teñen un presuposto de 181.000 euros e a Consellería de Cultura prometeu no seu día cofinanciar o gasto ó 50% co Concello, pero aínda non deu paso a pesar de dispor xa do proxecto redactado por Evislusa.

“Mandouse o proxecto definitivo e nada sabemos da Xuta mentres segue o deterioro do edificio, que mantemos valado para protexer a seguridade das persoas”, declarou o Alcalde, quen lle preguntou ó Conselleiro de Cultura “a qué estamos esperando” e recordou que o Concello ten reservados os cartos que lle corresponden para levar a cabo esta actuación. 

Audios

  • Sobre o Museo da Romanización | Descargar mp3 [1]
  • Sobre o Cuartel de San Fernando | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-volve-reclamarlle-xunta-que-cumpra-os-seus-compromisos-con-lugo-e-construa

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/23.04.15_museo_romanizacion.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/23.04.15_cuartel_sfdo.mp3