Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo reúne este fin de semana a destacados expertos en atención aos maiores para abordar o avellentamento poboacional

O Concello de Lugo reúne este fin de semana a destacados expertos en atención aos maiores para abordar o avellentamento poboacional

A área de Benestar Social organiza este sábado e domingo as I Xornadas de Traballo na Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores que se celebrarán no Auditorio do Vello Cárcere

O sábado habilitarase unha pantalla no Patio do centro cultural para poder seguir as conferencias debido á gran acollida do evento para o que se superaron as prazas

  • Tema
    • Benestar social,
    • Dependencia,
    • Centros sociais
Mércores, 29 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo reúne este fin de semana a destacados expertos en atención aos maiores para abordar o avellentamento poboacional

O Concello de Lugo reunirá este fin de semana no Vello Cárcere a destacados expertos para abordar conxuntamente os retos de futuro que obriga a asumir o avellentamento poboacional, no marco da I Xornada de Traballo sobre a Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores.

A edil de Benestar, Olga López Racamonde, área organizadora do evento, explica que os actos comezarán o venres, ás cinco da tarde, e se artellarán en torno a catro mesas de debate sobre a atención á soidade, os transtornos neurolóxicos, os coidados extrahospitalarios e a dependencia.

A concelleira indicou que “o obxectivo destas xornadas, pioneiras no concello, é o de avaliar, dende múltiples perspectivas, o funcionamento actual dos mecanismos e recursos empregados neste labor na procura de melloralos e acadar unha boa coordinación dos mesmos para efectivizar os resultados, dando resposta ás necesidades e demandas que hoxe en día esixe a sociedade”.

Así, relatou que se contará coa participación de representantes non só de entidades para as que a atención aos maiores forma parte do seu quefacer cotiá como é o caso de Cruz Vermella, Adace, Aspalu ou Afalu senón tamén de profesionais dos servizos de Xantar no Fogar, os centros de día, traballadores sociais e mesmo persoal sanitario e médico de diferentes áreas así como xornalistas de medios de comunicación local que achegarán o seu punto de vista.

“Esta primeira edición concluirá cunha charla maxistral a cargo de José Antonio López Trigo, xeriatra, traballador do Concello de Málaga e ex presidente da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía”, avanzou Olga López ao tempo que agradeceu a gran acollida que está a ter o acto e que obrigou a habilitar no Patio do Vello Cárcere unha pantalla para as persoas que queiran seguir as conferencias, participando como espectadores, para o que tamén é preciso inscribirse a través do 010 debido a que o aforo deste espazo é limitado.

Máis info

  • Folleto "I Xornada de Traballo sobre a Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores" | Descargar pdf [1]

Audio

  • A edil de Benestar, Olga López Racamonde, sobre "I Xornada de Traballo sobre a Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores" | Descargar mp3 [2]

 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-reune-este-fin-de-semana-destacados-expertos-en-atencion-aos-maiores-para

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/folleto_xornadas_atencion_a_maiores.pdf
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/290120_olga_lopez_-_i_xornadas_de_atencion_a_maiores.mp3